O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, reclamou á Xunta e ao Concello de Ferrol que «axilicen as obras do saneamento do rural, unha actuación que chega con catro anos de atraso».
O portavoz do Grupo Municipal Socialista sinalou que o alcalde e a conselleira “en vez de felicitarse tanto, o que teñen que facer a Xunta e o Concello é poñerse a traballar en serio despois de ter paralizado o acordo que se acadou no anterior mandato”.
Mato referiuse así ao pacto que acadaron en 2022 el mesmo, como alcalde, e Rueda durante a primeira reunión que mantiveron tras a súa toma de posesión como presidente galego. Na comparecencia pública tras aquel encontro, o propio mandatario autonómico aseguraba que había que «perder o menor tempo posible» para comezar a execución do proxecto e poñía sobre a mesa a posibilidade de tramitar un anticipado de gasto para acelerar o inicio das actuacións. «Nós celebramos que por fin entren as máquinas no rural, porque é unha obra necesaria e moi demandada desde hai anos polos veciños e veciñas. O que resulta difícil de entender é que o PP pretenda presentar como un éxito que unhas obras acordadas en 2022 comecen case catro anos despois», sinalou Ángel Mato.
O socialista lembrou que no seu mandato quedou establecido tamén o modelo de financiamento, coa Xunta asumindo o 70 % do investimento e o Concello o 30 % restante, polo que considera que o goberno local «debe explicar por que foi necesario esperar ata 2026 para chegar ao inicio efectivo dos traballos». «De feito, naquel momento, Rueda ofreceu un anticipado de gasto co fin de axilizar o proxecto». Mato insistiu nas declaracións do presidente. «Se daquela dicía que había que perder o menor tempo posible e que o obxectivo era empezar canto antes, é evidente que os prazos que hoxe celebra o PP están moi lonxe daquel compromiso», afirmou.
O voceiro socialista recordou ademais que aquel acordo se produciu a poucos meses das eleccións municipais de maio de 2023, nun momento no que Xunta e Concello trasladaban publicamente a vontade de acelerar a actuación. «O proxecto de saneamento do rural non naceu este ano. Había un traballo previo, un acordo entre administracións e un compromiso de financiamento. O que houbo despois foron catro anos de espera para que comezasen as obras», subliñou Mato.
Con todo, o líder socialista defendeu que o importante agora é que os traballos avancen “sen novas demoras” e que se cumpra o compromiso de completar o saneamento do conxunto das parroquias rurais. Nese senso, asegurou que o seu Grupo Municipal estará vixiante de que as obras cumpran os prazos. “Non pode ser que aconteza outra vez o que está pasando con moitas das actuacións que teñen entre mans o Concello e a Xunta. Que non volva pasar o da rúa Rubalcava”, dixo. «Os veciños e veciñas do rural non necesitan máis propaganda. Necesitan saneamento. Se en 2022 había que perder o menor tempo posible, o PP debería explicar que pasou estes catro anos», concluíu Ángel Mato.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
