Valdoviño presentaba oficialmente a 39 edición do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, o primeiro evento en estrear a nova categoría QS 6000 da Word Surf League (WSL), que ostentarán só cinco localizacións máis en todo o planeta. Preto de 250 surfistas de 23 nacionalidades competirán na “factoría de olas” para sumar puntos para entrar na elite do surf mundial a partir deste sábado e ata o 30 de agosto.

“As restricións de movementos que impuxo a pandemia desembocaron nunha reestruturación dos circuítos e impulsou eventos rexionais”, explicou o responsable da organización, Yago Barreto, quen tamén indicou: “Desde entón ata o de agora intentamos, aos poucos, volver recuperar esa esencia do Abanca Pantín Classic Galicia Pro de traer a algúns dos mellores surfeiros do planeta ata aquí e, por fin, lográmolo”. O elenco de participantes é de auténtico luxo. Figuras contrastadas e novos talentos mestúranse para unha nómina propia da elite do surf mundial.
No acto, ao que asistiron representantes das administracións colaboradoras (autonómica, provincial e local) e dos patrocinadores privados, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, destacou a capacidade do certame, “un referente a nivel internacional”, para unir vontades. “Só poido dar as grazas a todos os que aportades o voso grao de area para que isto sexa posible, dende a organización, aos patrocinadores e, por suposto, ao veciños e veciñas”, indicaba.
Ademais, o rexedor municipal subliñou o papel que o Pantín Classic “que é deporte, é lecer, e é motor económico” xoga no desenvolvemento sostible do territorio. E, como non, convidou á cidadanía a achegarse a Valdoviño a desfrutar da única festa deportiva declarada de interese turístico que ten Galicia.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.