Pepe Coira, creador de “Hierro” e “Rapa” dirixe en San Sadurniño un obradoiro sobre guión audiovisual

O guionista e produtor Pepe Coira será o encargado de impartir o vindeiro xoves 27 de agosto en San Sadurniño unha clase maxistral sobre guión audiovisual,  titulada «Contar co cine. Unha introdución ao guión».

A sesión desenvolverase na Casa da Xuventude entre as 16:30 e as 21:00 horas e diríxese a todas aquelas persoas interesadas en coñecer os mecanismos da escrita audiovisual da man dun profesional con grande reputación no cine e na televisión. 

E é que Coira conta no seu currículo con series tan coñecidas -e premiadas- como Hierro, Rapa ou La canción, entre outras, ademais de asinar o texto de títulos cinematográficos como Antes de nós ou Cuñados, sen contar a súa participación en varios documentais.

O obradoiro oferta un máximo de 15 prazas gratuítas -inscricións no 636 909 666 ou 680 389 054- e forma parte da programación complementaria do Chanfaina lab, que volverá reunir en San Sadurniño cineastas de diferentes procedencias entre o 4 e o 6 de setembro.

A proposta está concibida como unha introdución ao guión audiovisual e pretende achegar ferramentas e criterios para construír historias pensadas para ser contadas a través das imaxes, algo no que Pepe Coira é un dos nosos grandes referentes desde hai tres décadas.  Antes de centrarse na creación e produción audiovisual, Coira (Rábade, Lugo, 1963) traballou como crítico cinematográfico e redactor de El Correo Gallego, e posteriormente participou en diferentes proxectos da Televisión de Galicia. Ao longo da súa carreira estivo vinculado a numerosas producións galegas de ficción e non ficción e é cofundador de OlloVivo, desde onde participou no desenvolvemento de diversos proxectos audiovisuais.

Como guionista acadou especial proxección con Hierro, serie creada xunto co seu irmán, o director Jorge Coira, que se converteu nun dos últimos grandes éxitos da ficción televisiva española e recibiu numerosos premios. Tamén é creador, xunto con Fran Araújo, de Rapa, thriller ambientado en Galicia e protagonizado por Javier Cámara e Mónica López, que contou con tres tempadas. Entre os seus traballos máis recentes figuran La canción, sobre a participación española en Eurovisión en 1968, e Antes de nós, filme dirixido por Ángeles Huerta sobre a faceta máis íntima de Castelao e a relación coa súa dona, Virxinia Pereira.

A súa traxectoria abrangue tamén títulos como Mareas vivasAs leis de CelavellaGran NordTerra de MirandaEroski-Paraíso ou O corpo aberto, ademais de numerosos documentais e series de non ficción. O seu traballo foi recoñecido con premios Ondas, Feroz, Iris e Mestre Mateo, entre outros. Paralelamente á súa actividade profesional, participa en encontros e actividades formativas relacionadas co guión e o audiovisual, compartindo a súa experiencia con estudantes e novos creadores.

Con semellante currículo, non é de extrañar que o Chanfaina lab pensase nel para ofrecer a clase maxistral do xoves 27 de agosto na Casa da Xuventude, que será o primeiro dos dous obradoiros vinculados ao programa formativo do Chanfaina Lab. O segundo, «Hoxe móntase!. Contando historias plano a plano», estará impartido por Lucía Iglesias Fuentes, montadora recoñecida co Mestre Mateo por Antes de nós e responsable tamén das montaxes de Hierro e Rapa, as tres da produtora Portocabo. Neste caso a sesión desenvolverase o 30 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas

26 cineastas participarán no XI Chanfaina lab

Mentres, a organización xa deu a coñecer os nomes das 26 cineastas e colectivos que participarán na XI edición do encontro, que se desenvolverá os días 4, 5 e 6 de setembro. Nesta ocasión tomarán parte Bieito Beceiro, Iván Castiñeiras, Alejandro Castro, Yago Castro, Miguel A. Delgado, Xaime Fandiño, José Roberto Fernández, Alba Gallego, Pepe García, Isa Moreno, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Carmen Méndez, Olga Osorio, Cruz Piñón, Gema Rodríguez, María José Serantes, Rebeca Tella e Abel Vega, xunto cos colectivos The Sungirls, Teño unha horta, Diáspora, A Rigueira, MonteZ e Proxecto Amarte.

Durante esa fin de semana, as persoas participantes volverán percorrer as sete parroquias de San Sadurniño para crear pezas audiovisuais de entre tres e cinco minutos, con liberdade para escoller tanto a historia como a maneira de contala. O foco desta XI edición -polo menos en canto ao deseño do cartel- estará posto nas Escolas da Emigración de Ferreira, dous edificios construídos a comezos do século XX grazas á iniciativa e ás achegas das comunidades emigradas en Bos Aires e Montevideo, aínda que o motivo non condicionará as propostas creativas.

A programación pública comezará o venres 4 de setembro coa Eira de cineastas -19:00 horas na Casa da Cultura- unha selección de filmes presentados polas propias creadoras e creadores participantes. Ás 22:00 horas, a Praza Ramón Díaz Raña acollerá unha proxección ao aire libre de Sirat, o filme de Óliver Laxe estreado en 2025. O sábado 5, ás 23:00 horas, o Café-Bar DZINE será escenario dunha foliada. Haberá tamén dúas exposicións fotográficas durante todo o mes de setembro: Fálame de Ferreira. As escolas da emigración, no local social A Seara de Ferreira, e Chanfaina Lab, na Casa da Cultura.

Antes de que chegue esa fin de semana, o Chanfaina Lab itinerante fará este venres a súa última parada desta xeira en Naraío, cunha sesión que comezará ás 20:30 horas no local social. A entrada será de balde e permitirá recuperar algunhas das curtas filmadas nesta parroquia desde os primeiros anos do encontro, gracias a unha iniciativa que fixo circular polo territorio unha parte da memoria audiovisual construída ao longo das sucesivas edicións do Chanfaina lab.

Toda a actualidade do encontro audiovisual, que conta co patrocinio da área de Cultura da Deputación da Coruña, pode seguirse a través da web www.chanfainalab.gal.

Lea también

El autor del Mejor Mural del Mundo 2025, Wedo Goás, a empezado una nueva obra en Cariño

Como explica el concejal de Cultura, Andrés Balado, el trabajo que el artista hará en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *