A Feira Rural do 29 de agosto volve reunir en San Sadurniño ás mellores cadelas e cans da raza Can de Palleiro. Será no marco da 29ª edición do concurso monográfico de morfoloxía, puntuable para os trofeos promesa e mellor exemplar da raza deste 2026 en Galicia.

O evento contará con catro categorías separadas en cada caso para machos e femias: moi cachorro, destinado ao xulgamento morfolóxico de animais de 3 a 6 meses; cachorro, de 6 a 9 meses; xuvenís -de 9 a 18 meses-, e animais adultos de máis de ano e medio cualificados como aptos para a reprodución.
Ademais tamén se reserva un apartado específico para animas que ganasen campionatos en anos anteriores. De entre todas as categorías tamén se elixirá a mellor cadela ou can do concurso. Quen teña un exemplar desta raza pode anotarse neste formulario de google, no correo candepalleiro@clubcandepalleiro.com ou mandando un Whatsapp ao 604 074 618 (só Whatsapp, xa que este teléfono non atende chamadas).

O XXXIX Monográfico da Raza Can de Palleiro comezará o sábado 29 sobre as 16:30 horas coa inspección veterinaria dos animais inscritos e media hora despois iniciaranse as probas morfolóxicas nun ring valado duns 150 m², situado ao carón da figura do camiñante “Andimundi” da Cortiña.
Para poder participar é condición indispensable que os animais formen parte do Libro Xenealóxico da Raza supervisado polo propio club organizador. A maiores, os animais adultos -máis de 18 meses- deberán ter recoñecida a cualificación de aptitude para a reprodución dentro dos estándares morfolóxicos da raza Can de Palleiro.
Máis aló da beleza que cada animal ten xa de por si, nas probas avalíanse aspectos recollidos nese estándar, como a aparencia xeral, proporcións, estrutura ósea e musculatura, así como a cabeza, o pescozo, o tronco, as extremidades e os seus aplomos.
Tamén se observa especialmente o movemento, que debe ser áxil e forte, e o manto, que debe presentar unha pel adherida ao corpo e un pelo espeso, tupido e denso. Téñense igualmente en conta a capa e as súas cores admitidas, así como o tamaño e as proporcións do exemplar.
No caso desta raza, o estándar concede especial importancia ao carácter estable e equilibrado, propio dun can pastor e de garda, polo que se consideran defectos descalificables as inestabilidades ou desequilibrios de carácter, así como a timidez ou agresividade extremas sen provocación.
O concurso morfolóxico premiará, en definitiva, os machos e femias que representen fielmente o prototipo do Can de Palleiro: rústicos, fortes, proporcionados, áxiles, funcionais e equilibrados.

A inscrición no certame é gratuíta, pero será obrigatorio cursar a solicitude a través do correo candepalleiro@clubcandepalleiro.com, do formulario habilitado pola organización ou do Whatsapp (só whatsapp) 604 074 618 antes das doce da noite do 25 de agosto.
Haberá que achegar os seguintes datos: nome do animal, microchip, data de nacemento, sexo, cor da capa, nome da persoa propietaria, NIF, enderezo, teléfono e correo electrónico. Tamén será necesario ter ao día a cartilla sanitaria do can ou cadela.
O XXXIX Monográfico Can de Palleiro que se celebrará na Feira Rural de San Sadurniño é puntuable para o trofeo anual da raza e, ademais, será unha magnífica oportunidade para descubrir un animal que se coñece en Galicia desde antigo, aínda que durante moito tempo “can de palleiro” fose sinónimo de can sen caste.
Froito de xeracións e xeracións de cruzamentos para obter un animal de garda e pastoreo, os traballos de identificación que se desenvolveron a finais do século XX deron como resultado a definición dun estándar racial que, unha vez recoñecido oficialmente, se comezou a recuperar hai case tres décadas con supervisión da Xunta e do Club Raza Can de Palleiro. Esta entidade é depositaria do libro de rexistro xenealóxico e, polo tanto, a única con habilitación oficial para acreditar a pureza da raza.
As cadelas e cans de palleiro son ideais para a casa, tanto para compañía como para tornar persoas intrusas. Tamén se están levando a cabo probas das súas aptitudes como guías, habida conta de que teñen características fundamentais como a estabilidade e a fidelidade.
O concurso de San Sadurniño -e todos os que desenvolve o club- rexerase pola normativa dos certames de morfoloxía publicada pola Real Sociedade Canina de España.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.