Durante o mes de xullo, realizouse o campamento verán das Somozas, unha iniciativa que favorece a conciliación familiar durante a temporada estival e que estivo realizada no Complexo Multiusos, ademais dunha excursión ao Aquapark de Cerceda.

Este verán, a rapazada das Somozas está a ter a oportunidade de gozar de tres alternativas de ocio, que abranguen distintos rangos de idade e que teñen o obxectivo de que os nenos e nenas do municipio atopen unha alternativa divertida na que desenvolver relacións sociais e educativas durante a temporada estival e de vacacións.
Campamento de Verán das Somozas
Durante o pasado mes de xullo a rapazada puido gozar do Campamento de Verán das Somozas, unha alternativa de conciliación familiar e laboral, que se levou a cabo no Complexo Multiusos.
Esta proposta ofreceu aos nenos de 3 a 12 anos un espazo de conciliación e diversión, con actividades creativas, artísticas, deportivas e de sensibilización ambiental. Ademais, esta iniciativa tivo o obxectivo de axudar coa conciliación familiar durante as vacacións escolares, á vez que a rapazada atopa unha alternativa divertida na que desenvolver relación sociais e educativas.
Esta programación contou cunha planificación ideada para estimular a imaxinación, fomentar as habilidades sociais e educar en valores a través do xogo. E, como non podía faltar, tamén gozaron da súa tradicional excursión ao Aquapark de Cerceda.
Durante o campamento, a rapazada participou en actividades relacionadas ca arte, a cultura, a música, ou o deporte; ademais de excursións e actividades complementarias.

Campus de verán EF Irmandiños 2026
Tamén foi todo un éxito a I edición do campus de verán do EF Irmandiños, unha iniciativa multidisciplinar organizada polo EF Irmandiños en colaboración co Concello.
A través desta actividade, a rapazada puido practicar diferentes modalidades deportivas como fútbol, balonmán, baloncesto hóquei, pádel ou piscina, do 6 ao 17 de xullo. Ademais de desfrutar facendo deporte, os rapaces e rapazas de 6 a 18 anos participantes recibiron a visita de varios futbolistas como Manu Mariña, actual xogador do UD Somozas, ou Antón de Vicente e Javi Mandaluniz, dous ex xogadores da entidade somocense.
O alcalde, Juan Alonso Tembrás, que visitou o campus durante o seu transcurso, “agradeceu a gran acollida recibida, así como tamén o magnífico labor do EF Irmandiños para impulsar esta iniciativa que esperamos e desexamos que conte con moitas máis edicións”.
Campamento no Centro de Ocio de Verán
Ademais, ata o 8 de setembro, os pequenos e pequenas de 3 a 12 anos están a desfrutar doutro campamento, este no Centro de Ocio Infantil, onde dispoñen dunha ampla variedade de propostas, que inclúen xogos cooperativos, talleres de arte e creatividade, así como actividades ao aire libre para aproveitar o bo tempo.
O Concello, a través destas tres alternativas de ocio para a rapazada, que abranguen distintos rangos de idade e que teñen o obxectivo de que os nenos e nenas do municipio atopen unha alternativa divertida na que desenvolver relacións sociais e educativas durante o verán. Tres propostas con contan cunha gran acollida por parte da veciñanza e que ofrecen unha alternativa perfecta para conciliar a vida laboral e familiar durante as vacacións escolares.
O rexedor agradeceu “a gran acollida destas iniciativas que permiten ás familias das Somozas conciliar a vida laboral, persoal e familiar e tamén ofrecen á rapazada un espazo divertido e educativo no que desenvolver habilidades sociais e aprender valores durante as súas vacacións”, destacou Tembrás.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.