As Pontes proxecta melloras nos camiños municipais de Sexe e Pumar-Fragachá

A actuación, financiada por AGADER con 120.413,15 euros a través do Plan Mellora de Camiños Rurais 2026-2027, permitirá renovar o firme e mellorar a seguridade viaria.

Pumar-FragaCha | Fot. Concello de As Pontes

O Concello das Pontes mellorará dous camiños municipais situados nas parroquias de San Pedro de Eume e O Aparral, contribuíndo a reforzar as comunicacións e a seguridade viaria nos núcleos rurais. Trátase de vías de uso habitual para os desprazamentos diarios da veciñanza e fundamentais para facilitar a conexión destas zonas coas principais vías de comunicación do municipio.

A actuación conta cun orzamento de 120.413,15 euros, financiado por AGADER ao abeiro do Plan Mellora de Camiños Rurais 2026-2027.

No vial municipal de Pumar-Fragachá actuarase sobre catro tramos que suman unha lonxitude total de 1.366 metros. As obras incluirán a reparación das fochancas e das zonas afundidas, a regularización das deformacións existentes e a renovación da capa de rodadura mediante a extensión e compactación dunha nova capa de 5 centímetros de formigón bituminoso.

A intervención completarase con traballos de acondicionamento e limpeza, que incluirán o varrido da superficie, a limpeza das marxes e das cunetas e a retirada da vexetación que invade a plataforma do camiño. Así mesmo, realizarase o fresado do firme nos puntos necesarios para garantir unha correcta conexión cos tramos xa executados.

No camiño municipal de Sexe, cunha lonxitude aproximada de 624 metros, renovarase o firme do vial que comunica as inmediacións da súa intersección coa AC-861 co núcleo de Sexe.

As actuacións previstas serán similares ás de Pumar-Fragachá e incluirán a reparación das fochancas e das zonas afundidas, a regularización das deformacións existentes e a colocación dunha nova capa de rodadura de 5 centímetros de formigón bituminoso.

Tamén se levarán a cabo traballos de limpeza e acondicionamento das marxes e das cunetas, así como a retirada da vexetación que invade o vial e o fresado do firme nos puntos necesarios para garantir unha correcta execución das conexións. A renovación dos firmes permitirá mellorar as condicións de circulación e a seguridade das persoas usuarias, ao tempo que contribuirá a prolongar a vida útil dos camiños e a evitar a súa progresiva deterioración.

O proxecto contempla, ademais, a renovación e mellora da sinalización horizontal e vertical, coa execución de marcas viarias de 10 centímetros de ancho nas dúas marxes dos viais e a instalación dos elementos de sinalización necesarios nas interseccións.

En conxunto, as actuacións permitirán mellorar o estado de conservación destes dous camiños municipais e garantir unhas condicións máis adecuadas para os desprazamentos da veciñanza das zonas rurais.

Lea también

Medidas extraordinarias en Cedeira pola escaseza de auga

O Concello de Cedeira informa da inmediata adopción de varias medidas excepcionais de aforro de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *