Circo e maxia toman a Praza da Pulida poñendo o broche final á XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño

Kenneth Illusionist será o encargado de pechar esta noite a programación coa proposta ‘Degustación de imposibles’.

A Compañía A Vela Circo en escena este sábado coa súa proposta ‘Enredos’ | Concello de Cariño

A XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño encara este sábado 8 de agosto, a súa recta final cunha dobre proposta na Praza da Pulida que combina circo, humor, habilidade, maxia e ilusión. Tras a celebración esta mañá do espectáculo ‘Enredos’, da Compañía A Vela Circo, a programación da Mostra chegará esta noite ao seu punto final coa actuación de Kenneth Illusionist.

A primeira cita da xornada, celebrada ás 13:00 horas, levou á Praza da Pulida o espectáculo ‘Enredos’, da Compañía A Vela Circo, unha proposta para todos os públicos na que unha vella fábrica se converteu no escenario de aventuras e situacións inesperadas. A montaxe combinou circo, humor, habilidade e imaxinación nunha proposta pensada especialmente para desfrutar en familia.

A programación da última xornada continuará esta noite, ás 22:00 horas, coa actuación ‘Degustación de imposibles’, de Kenneth Illusionist. A maxia e a ilusión serán as protagonistas desta última proposta da XLVIII Mostra, tamén de balde e dirixida a todos os públicos, que poñerá o punto final a unha semana de programación escénica.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destacou que “a Mostra volve demostrar a súa capacidade para achegar a cultura á rúa e converter Cariño durante estes días nun punto de encontro para as artes escénicas”. Neste sentido, sinalou que “apostar por unha programación diversa, de calidade e accesible para todos os públicos é tamén unha forma de facer concello e de dinamizar a vida social e económica de Cariño”.

A Compañía A Vela Circo en escena este sábado coa súa proposta ‘Enredos’ | Concello de Cariño

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Andrés Balado, puxo en valor que “esta edición volve apostar por levar o teatro e as artes escénicas a diferentes espazos e por ofrecer propostas para públicos moi diversos”. O responsable municipal animou á veciñanza e ás persoas que se acheguen a Cariño a “desfrutar desta última actuación, con maxia, ilusión e unha proposta para todos os públicos que nos permitirá despedir a Mostra cunha gran festa cultural”.

A XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño afronta así a súa última cita desta edición coa proposta de Kenneth Illusionist, mantendo a súa aposta por unha programación diversa na que o teatro e as diferentes disciplinas escénicas volven ser protagonistas da actividade cultural do municipio.

Lea también

Presentación en el CN La Penela de “Videos para una mujer” de Martínez Rico – (María Fidalgo Casares)

María Fidalgo Casares. El Club La Penela de Cabanas volvió a asistir al éxito de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *