A Deputación da Coruña organiza un concerto gratuito de Treixadura no lago das Pontes con motivo da eclipse solar total

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro 12 de agosto un concerto gratuíto de Treixadura na contorna do lago das Pontes con motivo da eclipse solar total, un fenómeno astronómico excepcional que Galicia non vivía desde o ano 1912 e que non volverá repetirse ata o 2180.

A actuación, que forma parte da programación especial impulsada pola institución provincial para conmemorar esta data histórica, comezará ás 21.30 horas, unha vez rematada a observación do eclipse e coincidindo co solpor.

O lago das Pontes converterase así nun escenario privilexiado para desfrutar dunha proposta que combina música tradicional galega e a contemplación dun acontecemento natural único, reunindo nun mesmo espazo cultura, patrimonio e divulgación científica.

A programación de “Os Concertos da Eclipse” incluirá tamén outras tres actuacións en espazos singulares da provincia. Así, Luar na Lubre actuará na praia da Frouxeira, en Valdoviño; Milladoiro ofrecerá o seu concerto na alameda de Esteiro, en Muros; e Susana Seivane pechará a proposta no paseo da Calafigueira, xunto á lonxa de Fisterra. Catro escenarios diferentes para vivir unha xornada histórica ao ritmo dalgunhas das formacións e artistas máis recoñecidos da música galega.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que esta iniciativa pretende ofrecer á cidadanía “unha oportunidade histórica para vivir en compañía de familia e amigos un fenómeno que non volverá repetirse en Galicia durante máis de 150 anos”, ao tempo que pon en valor espazos singulares da provincia a través da cultura.

Ademais do concerto, durante a xornada desenvolveranse accións divulgativas sobre a eclipse solar total e ofreceranse recomendacións para observar o fenómeno con seguridade, así como información sobre a importancia de preservar a calidade do ceo nocturno.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña promove unha experiencia cultural e científica arredor dun dos acontecementos astronómicos máis relevantes do século, facendo do lago das Pontes un dos escenarios protagonistas desta celebración.

Lea también

O teatro Jofre de Ferrol acolle a estrea absoluta da obra A Culpa

A estrea supón un fito para as artes escénicas galegas, xa que será a primeira …