A Deputación reafirma o seu compromiso co Xeoparque Cabo Ortegal durante a visita dos avaliadores da UNESCO

Regueira sinalou que o Xeoparque Cabo Ortegal “é un exemplo de como a cooperación entre administracións e o traballo conxunto do territorio permiten converter un patrimonio único nun motor de oportunidades para o rural». O proxecto, impulsado pola Deputación da Coruña, afronta un momento decisivo no proceso de revalidación como Xeoparque Mundial da UNESCO.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta semana nun acto institucional de apoio ao Xeoparque Cabo Ortegal, coincidindo coa visita oficial dos avaliadores da UNESCO encargados de examinar o proceso de revalidación deste espazo como Xeoparque Mundial.

No encontro estiveron presentes tamén representantes institucionais e os alcaldes e alcaldesas dos sete concellos que integran o Xeoparque —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño—, “nunha mostra de unidade e compromiso arredor dun proxecto estratéxico para o desenvolvemento sustentable do territorio” sinalou Regueira.

Durante a súa intervención, o vicepresidente destacou tamén o papel decisivo da Deputación da Coruña como impulsora desta iniciativa desde os seus inicios, así como o compromiso da institución provincial coa conservación do patrimonio xeolóxico, natural e cultural da comarca e coa promoción dun modelo de desenvolvemento baseado na sustentabilidade, a divulgación científica e o turismo responsable.

«O Xeoparque Cabo Ortegal é un exemplo de como a cooperación entre administracións e o traballo conxunto do territorio permiten converter un patrimonio único nun motor de oportunidades para o rural», sinalou o vicepresidente, que expresou tamén a confianza en que a avaliación da UNESCO confirme o excelente traballo desenvolvido nos últimos anos.

A visita dos avaliadores da UNESCO constitúe unha das fases máis relevantes do proceso de revalidación da distinción de Xeoparque Mundial, un recoñecemento internacional que acredita tanto o extraordinario valor xeolóxico do territorio como a calidade da súa xestión e das iniciativas impulsadas para a súa protección, divulgación e desenvolvemento socioeconómico.

Asemesmo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que o recoñecemento do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco supón unha oportunidade estratéxica para a promoción exterior e o desenvolvemento sostible da comarca.

Durante a súa intervención no acto institucional de revalidación da candidatura desta contorna a Xeoparque Mundial, a conselleira sinalou que esta iniciativa é un “proxecto colectivo, construído desde o territorio e para o territorio.”

Nese senso, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor o traballo desenvolvido pola Asociación para a Xestión do Xeoparque, polos sete concellos que o integran, polo tecido científico, educativo, empresarial e asociativo, así como pola veciñanza por converter este proxecto “nun exemplo de cooperación e compromiso co territorio”. Fíxose un “traballo sólido, constante e eficaz”, dixo a conselleira, que é imprescindible para revalidar o distintivo da Unesco.

Tal e como indicou a conselleira, o recoñecemento como Xeoparque é unha ferramenta para xerar oportunidades, impulsar un turismo responsable durante todo o ano, crear emprego vencellado ao territorio e contribuír a fixar poboación no rural. “É a demostración de que protexer o noso patrimonio natural é perfectamente compatible con crear riqueza, dinamizar a economía local e mellorar a calidade de vida da veciñanza”, incidiu Ángeles Vázquez.

 

Lea también

El Servizo de Gardacostas de Galicia retira más de 1.000 nasas e incauta 286 kilos de marisco en una semana

El Servizo de Gardacostas de Galicia, dependiente de la Consellería do Mar, ha retirado durante …