A ruta guiada por Paulino Gasalla, vicepresidente da AVV Val de Esmelle, fixo tamén parada no espectacular castro de Esmelle.

Equiocio Ferrol celebrabou a ruta guiada polos muíños e o castro de Esmelle. A proposta era a gran novidade do veterano programa “En ruta con Equiocio Ferrol” que cada ano organiza o evento para dar a coñecer a contorna máis inmediata ao Campo das Cabazas, espazo que en Covas alberga o certame hípico e de lecer, e facelo fomentando hábitos de vida saudables da man das asociacións do territorio. Desta volta, Paulino Gasalla, vicepresidente da Asociación de Veciños Val de Esmelle, era o encargado de guiar a ruta por este magnífico patrimonio ligado á auga.

A cidadanía respondía positivamente, e máis de medio centenar de persoas tomaban parte na iniciativa. Destacada foi tamén a participación de usuarios e usuarias de entidades do terceiro sector como Aspanaes e máis a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, que contaron con servizo de intérprete de lingua de signos. Tamén tivo representación Patronato Concepción Arenal e máis Afal Ferrolterra.
A ruta desenvolveuse a un ritmo pausado, e aínda que tiña lugar cedo, fóra das horas de máis calor, adaptouse o itinerario inicialmente previsto para lograr que o 80% do percorrido discurrise por zona de sombra. O éxito da acción, de seguro, anima á súa reedición o próximo ano.

O certame volverá contar neste 2026 co Concello de Ferrol, a Deputación provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, así como Gadis, Estrella Galicia e Integral Motion como patrocinadores principais.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.