El físico Jorge Mira fala na Casa da Cultura de San Sadurniño sobre a eclipse do 12 de agosto

O Concello regalará lentes homologadas para observar o fenómeno. Estarán dispoñibles na Casa da Cultura e tamén en bares e outros establecementos públicos do municipio.

Casa de Cultura de San Sadurniño. Archivo

O profesor de Física Aplicada da USC e divulgador científico Jorge Mira Pérez ofrecerá este martes 30 de xuño na Casa da Cultura  -20:30 horas- unha charla sobre a eclipse total de Sol que poderá observarse o vindeiro 12 de agosto e que converterá boa parte de Galicia nun dos mellores lugares do mundo para contemplar este excepcional fenómeno astronómico. A sesión estará dispoñible posteriormente na canle de Youtube do Concello, ademais de publicarse no microsite especial da web de turismo de San Sadurniño.

A charla de Mira será con entrada libre e combinará explicacións científicas sobre como se producen estes fenómenos tan excepcionais -a última eclipse total visible en Galicia foi hai un século-, as características que terá a do próximo mes de agosto e recomendacións prácticas para observala nas mellores condicións e con total seguridade. De feito, o investigador -igual que o Concello- insistirá sobre a necesidade de protexer a vista con lentes ou filtros con certificado de fabricación europeo CE e homologación baixo a norma EN ISO 12312-2:2015. 

A sesión tamén se centrará en como buscar os lugares máis axeitados para seguir o evento astronómico e as previsións meteorolóxicas que poden influír na observación.

Coincidindo coa conferencia, o Concello tiña previsto iniciar a distribución gratuíta das 1.000 lentes homologadas que encargou para a observación da eclipse. Porén, un problema coa loxística retrasará a entrega até a semana do 6 de xullo. Deixaranse pequenos lotes nos bares e establecementos públicos do municipio e, ademais, tamén se poderán recoller na Casa da Cultura.

As lentes inclúen un código QR que dá acceso ao micrositio informativo sobre a eclipse creado na web turística de San Sadurniño, onde nos próximos días tamén se publicará un mapa cos mellores lugares do municipio para contemplar o fenómeno. Nesa mesma páxina -e na canle de Youtube do Concello- tamén estará dispoñible o vídeo coa gravación íntegra da charla de Jorge Mira.

A eclipse total de Sol do 12 de agosto será un dos acontecementos astronómicos máis destacados das últimas décadas en Europa. En San Sadurniño, a fase de totalidade producirase entre as 20:27 e as 20:28 horas. O Concello, igual que outras institucións, intensificará a información ao respecto para que veciñanza poida vivir este momento histórico da mellor maneira posible e con todas as garantías de seguridade.

Lea también

Afundación de Ferrol acoge la exposición retrospectiva de Antonio Mingote «La inteligencia del trazo»

La muestra, realizada en colaboración con la Fundación Mingote, reúne más de cien obras que …