O Concello das Pontes vén de aprobar o expediente de licitación das obras correspondentes ao proxecto de renovación de pavimento e melloras na rúa Real (2ª fase), unha actuación encamiñada a mellorar a seguridade, accesibilidade e calidade urbana dun dos principais viarios do casco histórico.
Esta intervención dá continuidade ás actuacións xa executadas na fase anterior co obxectivo de manter unha liña estética e funcional coherente no conxunto do núcleo histórico.
Os traballos previstos inclúen a retirada do pavimento actual de lousas de granito, que presenta problemas recorrentes de desprendemento e rotura, así como deficiencias en termos de seguridade debido ao seu carácter esvaradío en condicións de humidade. No seu lugar, executarase un novo pavimento de lousas de granito, con acabado flamexado antiescorregadizo, cumprindo cos estándares actuais de seguridade.
A actuación contempla tamén a execución dunha nova base de asentamento con leito de area e morteiro, garantindo unha maior durabilidade do conxunto e reducindo as necesidades de mantemento futuro. Manteranse os niveis, pendentes e configuración actual da rúa, incluíndo a vagada central para a correcta evacuación das augas pluviais. Ademais, procederase á adaptación de elementos existentes como rexistros, sumidoiros e arquetas, así como á limpeza e reposición do rexuntado nas zonas lastradas laterais que presentan deterioro.
No ámbito da iluminación, o proxecto inclúe a instalación de balizas de iluminación ornamental que complementarán o sistema actual de farois de fachada. Estas novas luminarias aproveitarán canalizacións xa existentes, evitando así a necesidade de novas obras de infraestrutura e minimizando o impacto da intervención.
Cómpre salientar que tamén se prevé a colocación de elementos de control de tráfico, como bolardos e sinalización, co fin de limitar o acceso de vehículos en zonas sensibles, contribuíndo á conservación do espazo público.
O investimento total ascende a 89.518,80 euros (IVE incluído) e o prazo estimado de execución das obras será de dous meses. Esta actuación non inclúe intervencións no coñecido como Ponte dos Ferros, elemento catalogado do patrimonio histórico local, para o que se prevé unha actuación específica independente que garanta a súa adecuada conservación.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora dos espazos públicos, a conservación do patrimonio e a promoción dun modelo de mobilidade máis seguro, accesible e sostible.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
