O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, informou este venres da nova edición do ciclo de teatro afeccionado Domingos a Escena, despois de que presentara a programación do mesmo na comisión informativa da área. Así, o titular de Cultura explicou que á convocatoria do ciclo para os meses de xaneiro e febreiro concorreron 16 grupos que presentaron 23 obras, das que foron seleccionadas seis, e dúas máis na condición de suplentes.
A selección feita pola Concellería de Cultura guiouse polos principios de calidade e variedade, abarcando os tres xéneros básicos do teatro: comedia, drama e traxedia. Contemplando así mesmo, as distintas idades ás que van dirixidos os espectáculos. As montaxes seleccionadas cubrirán a programación de Domingos a Escena dende o 13 de xaneiro ao 17 de febreiro, e son as seguintes:
– 13 de Xaneiro.- Grupo: Donas- Amistad (Ferrol)
Obra: “In memoriam de Agapito Salido”. Comedia escrita e dirixida polas compoñentes do grupo. O día do funeral do patriarca da familia descóbrense segredos sobre a súa múltiple vida afectiva. Dirixida a todos os públicos.
– 20 de Xaneiro.- Grupo: Carfax Teatro (Culleredo)
Obra: “Transilvania”. Drama en clave de teatro- danza. Unha viaxe ao encontro do conde Drácula. Para público adulto.
– 27 de Xaneiro.- Grupo: Gargallada Teatro (O Barco de Valdeorras)
Obra: “Cincenta, teatro on the rock”. Comedia musical. Unha versión moi divertida do coñecido conto de Perrault (1697) e dos Irmáns Grimm (1812). Para todos os públicos, especialmente o infantil.
– 3 de Febreiro.- Grupo: Atrezo Teatro (Vigo)
Obra: “O eloxio da loucura”. Drama. Quen somos? O que contan de nós ou o que nós coidamos?. A perda da identidade e a súa busca é o tema central desta montaxe de autoría propia dirxida ao público adulto.
– 10 de Febreiro.- Grupo: Compañía de Teatro El Ruiseñor. (Culleredo)
Obra: “Troyanas”. Traxedia. Versión do clásico de Eurípides. Como a guerra emprendida polos homes é sufrida polas mulleres e os nenos e nenas. Dirixida a público adulto.
– 17 de Febreiro.- Grupo: Teatro Ultreya (Ortigueira)
Obra: “La venganza de Don Mendo”. Comedia. Versión da obra de Muñoz Seca na que se parodia a época medieval e os seus enredos amorosos e políticos palaciegos.
Os grupos suplentes, que actuarían no caso de que os seleccionados non poideran facelo, son: Valacar de A Coruña , coa obra “O médico á forza”; e Axóuxere de Oleiros, coa obra “Molotov”.
García Hurtado sinalou que con esta nova programación de Domingos a Escena “pretendemos satisfacer a un público cada vez máis amplo e númeroso que enche cada domingo o recinto do Centro Cívico de Caranza e que, ás veces e lamentablemente, queda sen poder ver a función por mor de terse completado o aforo”. As funcións son de entrada libre e gratuita, e dan comezo ás 19.00 horas.