O Concello consigue unha achega da Deputación para impulsar a iniciativa.
O Concello de Neda organizará ao longo deste ano un curso sobre prevención de riscos no fogar, que moitas veces pasan inadvertidos, e primeiros auxilios. Unha proposta dirixida especialmente á poboación adulta e máis aos maiores da localidade que, xunto aos máis pequenos, constitúen un colectivo que se atopa especialmente exposto. A administración local vén de conseguir o respaldo económico da Deputación da Coruña para levar a cabo esta acción formativa.
Aínda que ás veces a xente pensa que na casa escapa de todo perigo, o certo é que os fogares poden encerrar múltiples riscos. Caídas, golpes contra obxectos, cortes, queimaduras, intoxicacións, atragoamentos constitúen os principais accidentes que teñen lugar no fogar.
Os cambios aparellados ao envellecemento (perda de visión, de audición, de forza muscular, de reflexos) aumentan o risco da poboación maior. Un grupo no que incidirá a proposta formativa que levará a cabo a entidade local, co apoio provincial.
Apuntan dende o Concello que o curso apostará pola prevención, buscando que, dunha forma sinxela, que os participantes reflexionen sobre os riscos aos que habitualmente a xente se expón inconscientemente no fogar, facilitando pautas para evitalos.
A iniciativa completarase con indicacións para a atención con primeiros auxilios en caso de accidente. Intervencións que, ademais de calmar a dor ou a ansiedade poden reducir o risco de complicacións graves e nalgúns casos ata salvar vidas.
Neda poderá desenvolver este programa formativo, grazas a achega de 7.000 euros acadada no marco da convocatoria de axudas para actividades de envellecemento activo e actuación de loita contra a soidade non desexada durante o 2026.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
