Convócase a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación

É unha iniciativa da Obra Social de ABANCA, a Xunta de Galicia e o Centro PEN de Galicia e está dotado cun premio de 7000 € e a publicación da obra. O prazo de participación finaliza o 31 de xullo de 2026.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o Centro PEN de Galicia Afundación convidan a participar nunha nova edición, a vixésimo cuarta, do Premio de Poesía co obxectivo de promover o uso da lingua galega na creación poética.

As bases pódense consultar aquí

As persoas interesadas en participar poderán presentar obras inéditas, que non concorresen a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o 31 de xullo de 2026. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido labor no ámbito literario. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no outono de 2026. O texto gañador recibirá un único premio de 7000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro PEN de Galicia e Afundación.

A HISTORIA DO PREMIO

O galardón, un dos mellor dotados do ámbito literario galego, nace no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual.

No seu elenco de gañadores figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas, Rafael Vilar, Miguel Rodríguez Monteavaro ou Xosé Miranda, gañador da pasada convocatoria.

Esta edición, a número vinte e catro, continúa a contar co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras case un cuarto de século de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan traballando por un xénero indispensable na renovación estética e para a normalización da lingua galega.

Lea también

Ferrol edita 7.000 ejemplares turísticos para promocionar las actividades de la ciudad en la Semana Santa

La guía turística de actividades de la Semana Santa de Ferrol en este 2026 ya …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *