O Concello das Pontes ven de finalizar as obras de mellora dos camiños municipais situados nas parroquias da Faeira, Ribadeume, Espiñaredo e Santa María das Pontes.

A intervención contou cun orzamento total de 122.802 euros, financiados a través do Plan Camiña Rural 2025-2026, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e permitiu acondicionar uns viarios que constitúen os accesos principais aos núcleos de Marraxón, Piñeiro, Porto do Liño e Terbá, garantindo así unha comunicación segura e eficaz entre estas zonas rurais e as principais estradas autonómicas e provinciais do municipio.
As actuacións executadas centráronse na rehabilitación integral da capa de rodaxe debido ao notable deterioro que presentaban estes camiños como consecuencia do paso do tempo e do uso continuo.
Previamente á aplicación da nova pavimentación realizouse a limpeza de marxes e cunetas, a retirada da vexetación que invadía a plataforma e a reparación de fochancas, afundimentos e deformacións existentes.
Tamén se levou a cabo o fresado do firme nos entronques para garantir a correcta unión cos treitos lindeiros e, no caso do camiño que dá servizo ás zonas de Fraga dos Cregos e O Cameleiro, reforzáronse os bordos mediante a execución dunha base de macadam que achega maior estabilidade ao firme.
Posteriormente aplicouse unha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente, precedida dun rego de adherencia que mellora a cohesión entre capas e aumenta a durabilidade do pavimento. A intervención completouse coa reposición da sinalización horizontal e vertical necesaria para reforzar a seguridade viaria.
Co remate destas obras, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso co mantemento e a modernización da rede viaria rural, contribuíndo a mellorar a mobilidade da veciñanza, a seguridade nas súas viaxes diarias e a conexión entre os distintos núcleos de poboación do municipio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.