A Deputación da Coruña disporá dun espazo informativo para promover a súa marca ‘A paisaxe que sabe’ no CdT de Alacant, onde este xoves se vai celebrar a segunda semifinal do concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano 2025-2026.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, promoverá a marca do departamento de Turismo provincial nunha xornada na que tamén participará, con representantes do Ajuntament d’Alacant e da Generalitat Valenciana, na mesa redonda ‘Turismo gastronómico, fonte de sostibilidade’. “Insistiremos neste encontro en que os nosos sabores son froito dos saberes da nosa xente, protagonistas tamén da nosa campaña, porque é a súa profesionalidade a que fai que gozar desta riqueza sexa máis que unha experiencia, un auténtico privilexio”, sinala Regueira.
Na xornada matinal, ás 13 horas, o vicepresidente provincial Xosé Regueira, exporá as liñas mestras dunha iniciativa “que pon o foco nos elementos paisaxísticos que alimentan a gastronomía” da provincia co obxectivo de identificar a excelencia da cadea agroalimentaria do territorio coruñés”. “Porque ‘A provincia que sabe’ é” lembrou Regueira, “o noso distintivo específico para agrupar baixo un mesmo paraugas produtos agroalimentarios, empresas de transformación, distribuidoras e establecementos hoteleiros e de restauración que desenvolvan a súa actividade con parámetros de sostibilidade e calidade».
“Insistiremos neste encontro en que os nosos sabores son froito dos saberes da nosa xente, protagonistas tamén da nosa campaña, porque é a súa profesionalidade a que fai que gozar desta riqueza sexa máis que unha experiencia, un auténtico privilexio”, dixo o vicepresidente.
Xa na xornada de tarde, ás 16.20 horas, Regueira participará na mesa redonda ‘Turismo gastronómico, fonte de sostibilidade’, na que estará acompañado por Ana Poquet, concelleira de Turismo e presidenta do Padroado Municipal de Turismo e Praias de Alacant, e por José Manuel Camarero, secretario Autonómico de Turismo da Comunitat Valenciana.
Alacant toma o relevo da Coruña, que, co apoio da Deputación, acolleu no restaurante Árbore da Veira, o pasado 3 de abril, a primeira semifinal do concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano 2025-2026, un certame que chegou en 2024 á súa vixésima edición. Daquela, o xurado escolleu como finalistas a compostelá Sonia García, na categoría de Camareira do Ano, e a Taigoro Suzuki, do Restaurante i + T Salamanca. A final vaise celebrar en marzo de 2026 no marco de Alimentaria & Hostelco, unha feira que ten lugar en Barcelona cada dous anos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

