Formoso pon en valor “unha década de transformación e progreso” na Deputación da Coruña cun modelo “de referencia para Galicia”

Coincidindo co ecuador do mandato 2023–2027, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo  balance dos dez anos de goberno de PSOE e BNG á fronte do goberno da institución provincial, que cualificou como “unha década de transformación e progreso”.

Nunha comparecencia conxunta co vicepresidente, Xosé Regueira, na que se repasaron algúns dos principais fitos do goberno provincial durante a última decada, Formoso reivindicou o profundo cambio político da Deputación da Coruña, “cun modelo de referencia, exportable a Galicia”.

O presidente agradeceu as contribucións dos deputados e deputadas de todos os grupos políticos que pasaron polo salón de plenos da Deputación neste período e o apoio unánime que recibiron moitas das medidas que contribuíron a facer unha Deputación “máis moderna, útil e cercana ás necesidades da cidadanía”.

Neste sentido, subliñou que distintos informes de organizacións externas e independentes, como o Consello de Contas de Galicia, “evidencian con datos esta transformación”, situando á Deputación da Coruña como a referencia en políticas de loita como o despoboamento do rural, a implantación da administración electrónica ou a transparencia na xestión.

“É significativo que o Consello de Contas evidencie que o investimento da Deputación nos concellos da provincia é superior ao do Fondo de Cooperación Local da Xunta. Investimos máis nos concellos da provincia da Coruña que a Xunta nos das catro provincias galegas”, afirmou Formoso.

Formoso explicou que, durante estes dez anos, a Deputación foi adaptándose á conxuntura e ás necesidades sociais e económicas de cada momento, algúns deles complicados como a pandemia ou a guerra de Ucraína: “Fomos os primeiros en crear axudas para os sectores máis afectados pola pandemia, para os pequenos negocios, para a hostalaría, os autónomos, os transportistas, para a flota de cerco… A Deputación estivo ao carón de que máis o necesitaba nos momentos máis difíciles creando novas liñas de axudas, algunhas das cales se pagaron en 24 horas”, apuntou.

Entre os principais logros, destacou a posta en marcha do Plan Único, que non só puxo fin aos repartos arbitrarios de fondos en función da cor política dos concellos, senón que “consolidou un modelo xusto e transparente de financiamento municipal no que os concellos son os que deciden”. Lembrou que o POS+ multiplicou por catro o orzamento anual do Plan de Obras e Servizos (pasando de 25 a máis de 100 millóns anuais), o que permitiu aprobar máis de 4.500 obras nos concellos coruñeses, cun investimento récord que, xunto ao das estradas provinciais suma máis de 1.000 millóns de euros e supuxo a creación e mantemento de 18.000 empregos.

Tamén puxo o foco no apoio ao emprego e o emprendemento, outro dos eixos da transformación da Deputación. “Pasamos dunha administración que só contrataba cuadrillas de obras tres meses ao ano, a un verdadeiro motor de emprego na provincia”, explicou. A través do Plan de Emprego Local (PEL), investíronse máis de 120 millóns de euros, creáronse 7.700 empregos, apoiáronse 2.700 empresas e 4.000 autónomos, e impulsáronse 260 proxectos emprendedores nos 11 espazos coworking creados nestes dez anos. “O PEL é hoxe unha ferramenta consolidada que dinamiza a economía local dos concellos máis pequenos, apoia aos que emprenden e xera emprego en toda a provincia”.

Outro aspecto clave foi a a aposta social da Deputación. A Deputación, noutros tempos invisible no ámbito social, e hoxe recoñecida como garante dos coidados, da atención á dependencia e dos servizos sociais máis próximos. Durante esta década de goberno progresista, a Deputación pasou de dedicar só 17.000 euros ao ano por concello para axuda no fogar (o equivalente ao salario anual dunha coidadora), a financiar cada ano 400.000 horas de axuda no fogar, contratar 180 profesionais sociais nos concellos e apoiar o traballo de case 300 entidades sociais da provincia, cun orzamento social que supera os 33 millóns euros ao ano.

Novo modelo de residencias pioneiro en Galicia

No ámbito social, Formoso destacou tamén que o seu goberno xa ten moi avanzado o deseño do novo modelo de residencias públicas de maiores da Deputación, que comezará con tres novas residencias de ámbito comarcal nos concellos de As Pontes, Rianxo e Ordes, que se desenvolverán en base a un novo modelo innovador e pioneiro en Galicia, radicalmente diferente ao que está establecido hoxe na comunidade.

A Deputación traballa na creación dunha rede provincial de residencias cun modelo completamente diferente ao actual, máis acorde coas necesidades de Galicia e con dúas premisas fundamentais: a aposta pola innovación e unha atención máis cercana e máis humana, con entornos máis habitables nos que as persoas maiores estean ben coidadas e podan sentirse como na propia casa.

A proposta técnica deste novo modelo de residencias establece un modelo de atención e intervención social chamado de 5ª xeración, que supera os antigos modelos de asilo, hospital ou residencia, baseados en contornos moi institucionalizados e cunha cultura asistencialista, por un novo modelo que xa está a desenvolver en países nórdicos como Dinamarca ou Suecia, centrado na persoa, que respecta a súa autonomía, vontade, decisións e preferencias nun espazo multiservizo e de carácter aberto e comunitario, onde as persoas da contorna podan acceder a él para gozar de certos servizos e as persoas residentes podan desenvolver tamén actividades fóra do centro asistencial.

O presidente tamén fixo fincapé na aposta decidida polo rural, que pasou de ser un territorio esquecido a un espazo de futuro e oportunidades. “Creamos emprego de proximidade, levamos a cultura, o deporte e os servizos sociais onde antes non chegaban”, sinalou.

Na parte máis innovadora do balance, Formoso reivindicou que a Deputación da Coruña transformou a idea mesma do que pode ser unha Deputación”impulsando proxectos innovadores como Coruña Estudio Inmersivo (CEI), cun investimento de 9 millóns de euros para crear o maior centro de producción audiovisual virtual de España, ou desenvolvendo novos proxectos no ámbitos da enerxías renovables, a mobilidade sostible, ou o apoio a sectores estratéxicos da economía da provincia “que é o motor social, económico e cultural de Galicia

Entre os fitos logrados esta década, Formoso sinalou tamén a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público, nun longo proceso que comezou co impulso da Deputación da Coruña e a volta tamén ao sector publico do servizo de bombeiros, que antes estaba xestionado por empresas privadas, “porque cremos que as emerxencias non deben ser un negocio, senón un servizo público para a cidadanía”Neste sentido, destacou o incremento de efectivos e a mellora das condicións laborais dos bombeiros, grazas a un orzamento un 53% maior este ano, que alcanza os 5,73 millóns de euros.

“Estamos orgullos do feito, pero queremos máis”, sinalou o presidente.

Un modelo alteranativo, con estabilidade e políticas transformadoras

O vicepresidente, Xosé Regueira, puxo en valor un modelo de goberno “de estabilidade, con dúas sensibilidades diferentes pero capaces de alcanzar unha convivencia política que, nun momento como o actual, é especialmente relevante”.

Regueira sinalou que este modelo “alternativo” é “de confianza para a cidadanía, con políticas transformadoras que supoñen grandes avances para a provincia, especialmente para os concellos máis pequenos e para o medio rural”. Neste sentido, sinalou o “papel crucial” da Deputación, “se desaparecese o noso labor de impulso cultura, económico ou deportivo, moitos dos proxectos dos diferentes ámbitos desaparecerían con el”.

Regueira tamén fixo referencia ao Plan Único, “fomos revolucionarios na maneira de entendernos cos concellos, creando unha ferramenta de financiamento local que reparte os fondos con criterios obxectivos”, e ademais, sinalou que “sen o financiamento da Deputación de servizos, recursos e incluso persoal dos concellos, moitos deles non subsistirían”.

Cremos no talento e na capacidade e potencialidade desta provincia”, engadiu o vicepresidente. “Detrás das nosas espectaculares paisaxes, hai economía produtiva. O rural é futuro, e por iso dende a Deputación apoiamos e promovemos iniciativas que contribúen á fixación de poboación, ao fomento do emprendemento no rural, e a xeración de riqueza local”.

O vicepresidente destacou os cambios nos procesos de contratación, “fomos capaces de cambiar algo que outras administracións non, como os pregos de contratación, para que as empresas da provincia non viran precarizados os seus ingresos. Esa relación co tecido empresarial é un fito importante”.

Para rematar, afirmou que “estamos orgullosos da estabilidade deste goberno, e de revolucionar a maneira de entendernos, tanto coa sociedade como co tecido empresarial, dun xeito máis transparente e que responde a criterios obxectivos e actuais”. Así, “queremos facelo aínda mellor, para seguir ofrecendo ilusión e alternativas á veciñanza, cun modelo de goberno que é, en definitiva, positivo para a economía e a sociedade”.

Lea también

A Deputación da Coruña presenta o catálogo de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira presenta o catálogo de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal; …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *