VIII edición da Samurai Xtreme Race-Lago das Pontes, final do Cto de España

A proba celébrase o 6 de xullo no entorno do lago das Pontes. É un dos 24 grandes eventos deportivos que apoia este ano a Deputación; E contará con máis de 1.500 participantes, con crecente presenza feminina.

A Sala Juan Gallo da Deputación da Coruña acolleu a presentación oficial da VIII edición da Samurai Xtreme Race, que se celebrará o vindeiro 6 de xullo no concello das Pontes e que nesta edición acollerá a final do Campionato de España OCR Liga AOCO 2025.

O acto contou coa participación do deputado de Deportes, Antonio Leira, o responsable da organización do evento, José Cope, e a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón.

Antonio Leira destacou que a proba “promove dous valores do deporte que consideramos importantes como a igualdade e o traballo en equipo”, xa que homes e mulleres de todas as idades compiten xuntos e traballan conxuntamente para cumprir obxectivos.

“Desde a Deputación da Coruña apostamos por apoiar a celebración de grandes eventos deportivos como este, que reúnen a deportistas do máximo nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional”, afirmou o deputado de Deportes, que lembrou que a Samurai Xtreme Race é un dos dos 24 grandes eventos deportivos que financia este ano a Deputación, cun investimento global de medio millón de euros.

José Cope, organizador do evento, destacou que se trata dun evento consolidado que contará con máis de 1.500 participantes nas diferentes categorías e incidiu no incremento constante das inscricións femeninas que rexistra a proba nos últimos anos. “A Samurai Xtreme Race deste ano é ademáis campionato de España. O que gañe nas Pontes vaise proclamar campión o campioa de España”, subliñou.

Pola súa banda, a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón, fixo referencia ao entorno privilexiado no que se celebra a proba “un exemplo de restauración mineira a nivel europeo”. Desde a súa creación, esta carreira de obstáculos consolidouse como unha das máis prestixiosas do Estado, tanto pola súa esixencia física como polos valores que promove: superación, solidariedade, integración e respecto polo medio ambiente.

A edición deste ano contará cun percorrido de 10,3 quilómetros e máis de 70 obstáculos naturais e artificiais, nun trazado técnico e espectacular que reunirá ás e aos mellores especialistas estatais en OCR, ademais de centos de participantes populares.

A maiores da competición oficial, o evento incluirá probas paralelas de carácter solidario a favor da Fundación Degén, como a Samurai Junior Race e unha carreira tradicional de campo a través. Actividades que reafirman o compromiso social da organización coas enfermidades dexenerativas e coa inclusión.

Un dos obxectivos da proba segue sendo aumentar a participación feminina, que este ano xa representa o 41 % das inscricións, consolidando o evento como exemplo de igualdade, compañeirismo e traballo en equipo. A Samurai Xtreme Race aposta tamén por un modelo sustentable e responsable, cun firme compromiso coa protección do medio ambiente e a promoción de hábitos de vida saudables.

Archivo-2024

O evento conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello das Pontes de García Rodríguez, a Cámara Mineira de Galicia e de empresas como o Centro Porsche Coruña, entre outras entidades colaboradoras.

A cita do 6 de xullo nas Pontes promete ser moito máis ca unha competición: unha auténtica festa do deporte, a solidariedade e a superación persoal.

Lea también

El gobierno de Ferrol propondrá en el pleno un cambio de capital en Emafesa para evitar su disolución

  La causa objetiva de disolución de Emafesa es un tema preocupante en los últimos …