A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras da senda ciclista e peonil que conectará a lagoa da Frouxeira co campo de fútbol de Meirás, a través da estrada AC-116 ao seu paso por Lago, no concello de Valdoviño.
A actuación, financiada con fondos europeos Next Generation EU no marco do programa DUS 5000 para municipios en reto demográfico, conta cun orzamento de 377.248,91 euros para a construción dun itinerario ciclista e peonil de 8 quilómetros, que favorecerá a mobilidade activa, a protección ambiental e a seguridade viaria.
O proxecto desenvolverase en tres tramos. O primeiro comprende a zona entre o estacionamento da praia e o camiño que bordea a lagoa, onde se construirá unha plataforma única con dous carrís bici de dobre dirección, un carril para corredores, e manterase o paseo de lousa para peóns, reducindo a calzada a un único sentido de circulación para vehículos.
O segundo tramo, desde Lago ata a estrada do faro de Meirás, contará cunha senda segregada mediante elementos de madeira, mentres que no terceiro, ata o campo de fútbol, instalaranse separadores de caucho e ampliarase a calzada con terreos municipais e da cooperativa de Meirás, que foron cedidos para facilitar a intervención.
O Concello de Valdoviño asinou o pasado mes de abril coa Deputación da Coruña un convenio para encomendar á institución provincial a xestión das obras, que agora se atopan en fase de licitación pública ata o día 13 de xuño.
Unha vez adxudicadas, as obras teñen un prazo de execución de catro meses.
O proxecto pemitirá avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e segura, mellorando a calidade de vida da veciñanza e poñendo en valor espazos naturais singulares interese como a lagoa da Frouxeira