O proxecto ofrece formación gratuíta con prácticas en empresa a 228 persoas desempregadas, a maioría delas mulleres, en sectores con alta demanda de emprego.
A Deputación da Coruña aprobou no pleno do pasado venres a posta en marcha o proxecto PEL ACTIVA, unha iniciativa de inserción laboral financiada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), que permitirá a 228 persoas desempregadas da provincia acceder a formación especializada e prácticas en empresas, especialmente en concellos de reto demográfico.
O programa desenvolverá 8 itinerarios de inserción laboral adaptados á demanda real do territorio, cun total de 19 edicións de accións formativas, das cales o 90 % conducirán á obtención dun Certificado Profesional homologado pola Xunta de Galicia.
PEL ACTIVA está dirixido a colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral: persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade, persoas migrantes ou de orixe estranxeira. Para favorecer a participación, o proxecto inclúe unha bolsa de formación de 13,45 euros diarios (300 €/mes) para aquelas persoas con ingresos inferiores ao 75 % do IPREM.
A formación abranguerá sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego, como a atención a persoas maiores, a agricultura de precisión, o turismo deportivo ou o sector multimedia e audiovisual. Segundo a experiencia de programas anteriores da Deputación, arredor do 50 % das persoas participantes nestes itinerarios logran acceder a un emprego ao rematar a formación.
Un dos obxectivos prioritarios do proxecto é fomentar oportunidades de emprego no rural e contribuír a fixar poboación nos municipios con maior risco de despoboamento. Por iso, máis da metade das accións formativas se desenvolverán en concellos de reto demográfico, que participarán activamente na execución do programa grazas á súa proximidade coas persoas destinatarias.
A fase inicial do proxecto contará coa implicación da rede técnica municipal de emprego e desenvolvemento local, que será convocada para colaborar no deseño da acollida e no asesoramento ás persoas participantes. As accións formativas arrancarán no último trimestre de 2025.
PEL ACTIVA forma parte da liña europea do Plan de Emprego Local da Deputación, que busca captar fondos comunitarios para promover a inclusión social e o emprego sostible no ámbito rural. A Deputación concorreu á convocatoria estatal do programa EFESO do FSE+, en colaboración con COGAMI, o Clúster Audiovisual Galego e o Concello de Valdoviño.
Dos 89 proxectos presentados, 45 foron seleccionados, cinco deles en Galicia. A Deputación da Coruña foi beneficiaria dunha subvención de 1.172.860 euros, que cobre o 60 % do custo total do proxecto (2.003.453 euros), incluíndo os gastos de licitación do servizo de formación e a bolsa para as persoas participantes.