O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e os centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol-ASF únense a múltiples actividades nunha intensa semana na loita fronte ó tabaco, coincidindo co Día Mundial sen Tabaco que se celebra este sábado, 31 de maio.

Profesionais residentes tanto de Enfermaría como de Medicina Familiar e Comunitaria están este venres na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo para destacar moitas mensaxes, entre elas, o enorme beneficio que reporta deixar de fumar. Informan a todo que quere, con múltiples folletos informativos, sobre distintos aspectos en torno ó tabaquismo.
Ademais, en case tódolos servizos de Atención Primaria, os residentes activaron mesas informativas e puntos de encontro para concienciar sobre a importancia de deixar de fumar, como en Pontedeume, Fene, Neda, Narón, Fontenla, As Pontes, Caranza ou Serantes, por exemplo.
Pola súa banda, a Mesa Local de Saúde de Ares, creada e coordinada pola Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) de Ferrol, consensuou na súa segunda reunión en marzo facer unha mesa informativa sobre a deshabituación tabáquica que se materializa hoxe na porta do centro de saúde de Ares; e na que participa persoal do propio centro sanitario, en colaboración con voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro deste Concello.
Profesionais activos fronte ó tabaco
Dende o Servizo de Pneumoloxía do CHUF, e xunto cos integrantes do Comité de Tabaco que existe na Área Sanitaria de Ferrol, están a actualizar as guías de tabaquismo, informa a responsable deste Servizo, Carlota Rodríguez García. Ademais, está activa a consulta de tabaquismo neste ámbito da Pneumoloxía, con actividade os cinco días da semana, e que coordina a enfermeira Ana Belén Sierra.
Xunto con isto, hai dende o 26 de maio e ata o 10 de xuño, ata catro cursos específicos de deshabituación tabáquica para profesionais de Atención Hospitalaria e de Atención Primaria, que imparte a enfermeira Pilar Darriba Rodríguez, en colaboración coa residente de Medicina Familiar e Comunitaria, Aida Pérez Novilla.
Por último, unha imaxe interna nos ordenadores dos e das profesionais, e no seu propio portal informativo, a intranet, lembra a importancia de protexer a saúde e cumprir a lei, coa referencia específica de que non se pode fumar a menos de 100 metros dun centro sanitario, norma extensible á poboación xeral.

Tabaco igual a enfermidades
Nestas mesas de hoxe en distintos puntos da Área Sanitaria de Ferrol dáse conta de cuestións básicas: Por que teño que deixar de fumar? Porque fumar mata; e porque leva consigo grandes problemas de saúde, como a Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), e maior probabilidade de eventos cardiovasculares, ou de desenvolvemento de cancro de pulmón. Estímase que ten influencia ata en 16 tipos distintos de cancro. E, ademais, se unha persoa sufriu un infarto, multiplica por tres o risco de ter un novamente se segue a fumar; igual que, no caso do cancro, favorécese a posibilidade de ter recidivas se se continúa a consumir tabaco.
En definitiva, o tabaco é prexudicial en tódalas súas modalidades, incluído o vapeo, pipas de auga ou tabaco de liar. Sobre todos eles existen grandes mitos, como que son máis inofensivos que o tabaco convencional. O tabaco de liar ten igual uns 4.000 compoñentes nocivos. O vapeador soe ser a porta de entrada para o consumo, e contén glicerina, que actúa como intensificador de moitas patoloxías e é máis difícil de eliminar do organismo que a nicotina. Por último, a pipa de auga contén un 70% de nicotina máis que un cigarro convencional, entre as moitas substancias canceríxenas que contén está o carbón, que se inhala co consumo desta modalidade.