Valdoviño celebrará en Vilaboa o Día das Letras Galegas con teatro e música

Valdoviño conmemorará o Día das Letras Galegas, adicado ao cancioneiro popular galego, coa estrea da obra teatral «Que che vaia ben meu canciño do palleiro», a cargo do grupo do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, e o concerto da agrupación de música tradicional «Vai Rañala Meu!». A cita terá lugar este domingo 18 de maio a partir das 17:30 horas no centro cultural de Vilaboa, con entrada libre e de balde ata completar aforo.

Vai Rañala Meu!

Máis de dez anos despois, Vilaboa recupera con esta peza o seu grupo de teatro a iniciativa de antigos integrantes da formación. Mozos que apostan por dinamizar culturalmente a súa parroquia, e retomar un grupo que sempre contaba con función no Nadal e na Mostra de Teatro Municipal.

Centro Cultural de Vilaboa-Fot. archivo

E fanno co texto de Ana María Bouza García, á súa vez directora da compañía, e unha das artífices, nos anos 80, da creación do grupo de teatro feminino do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, xerme da agrupación teatral interxeracional creada a posteriori. Tamén, coa colaboración de Montse Díaz Pita, encargada de vestuarios e escenografía.

«Que che vaia ben meu canciño do palleiro» é un reflexo da realidade das aldeas galegas que loitan por seguir vivas, que saúdan a chegada de novos veciños con alegría, pero tamén recelo. Unha peza que tamén fala de expectivas discordantes coa realidade para os novos residentes.

A xornada central das Letras Galegas completarase coa actuación do grupo «Vai Rañala Meu!». Nace no ano 2012 froito da reunión do sector máis calivera da Banda de Gaitas Terra de Trasancos do Real Coro Toxos e Froles da que os seus membros formaban parte.

Nestes 13 anos de vida, a formación foi cambiando ata hoxe, composta por dúas gaitas, clarinete, acordeón, pandeireta, tambor e bombo. Ao mesmo tempo, Vai Rañala Meu! conforma unha asociación cultural que traballa a favor da salvagárda e difusión da cultura galega en todos os seus eidos.

 

Lea también

Ares celebra as Letras Galegas con obradoiros, presentación de libros e moita máis cultura

Dende este 12 ata o 22 de maio, a vila de Ares contará con múltiples …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *