Narón celebra o Día das Letras Galegas

A praza da Lectura, na Solaina, acolle este sábado 17 os actos programados dende o Concello de Narón con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as edís de Política Lingüística, María Lorenzo, e Festas, Mar Gómez, presentaron as propostas deseñadas para N de Narón, a festa das Letras, que inclúe varias actividades o sábado e tamén unha o domingo 18. A programación dará comezo o sábado ás 11:30 horas, co espectáculo A libraría máxica, de Inventi Teatro.

Os actores Bea Campos e Marcos Alonso, que interpretarán a dous simpáticos libreiros, ofrecerán ao público o libro perfecto para cada persoa e ocasión a través desta peza teatral, coa que se rende homenaxe ao pequeno comercio, ás tendas de barrio… e que achega ós nenos o amor pola literatura e a lingua galega.

A continuación, sobre as 12:30 horas dará comezo a actuación das cantareiras do Padroado da Cultura e dende as 12:00 ata as 14:00 e pola tarde de 17:00 a 19:00 horas haberá na praza xogos populares. As propostas para a tarde inclúen un novo espectáculo, Contos de lobos, de Teatro Ghazafelhos, unha obra con participación activa do público e protagonizada por Mon e Pe, dúas personaxes que contarán varias historias populares cos lobos, como Carapuchiña, Os tres porquiños, Pedro e o Lobo, Os sete cabuxos…

Así mesmo, dende as 18:00 horas actuará a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura. Un ano máis, estará presente no evento a Biblioteca municipal, coa finalidade de promover entre a lectura entre a cidadanía. As librarías Pasapáxina e Day tamén contarán cun espazo propio na zona para amosar e vender exemplares en galego para todo tipo de públicos e, a maiores, traerán ás escritoras Paula Merlán –pola mañá- e Ana Meilán –pola tarde- para asinar exemplares das súas obras ás persoas que o desexen.

A última proposta do sábado terá lugar no Pazo da Cultura, onde a partir das 20:00 horas se poderá ver a obra A cincenta que non quería comer perdices, de Sarabela Teatro. Trátase dun conto moderno que revisa con humor o papel desenvolvido polas mulleres durante moito tempo, no que se defende a liberdade de que cada unha sexa o que queira ser, incidindo en temas como a curiosidade, a independencia feminina… As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura ou na web do Padroado da Cultura, a un prezo de 5,50 euros para menores de 14 anos; 6,65 para persoas abonadas e con tarifa reducida e 9,50 euros para público xeral.

Finalmente, o domingo 18 haberá un obradoiro de cantareiras -canto e pandeireta- no Café Teatro do Pazo da Cultura, dende as 10:00 ata as 14:00 horas. As persoas interesadas en asistir poderán facelo inscribíndose previamente –ten un custe de 25 euros e prazas limitadas- no Pazo da Cultura, dende hoxe en horario de 9:00 a 13:30 e de 17:30 a 19:00 horas e o venres de 9:00 a 13:30 horas.

O recoñecido cantante, coreógrafo, bailador, e coordinador da sección de canto da OFG SonDeSeu, e cunha importante labor no ámbito da recuperación etnográfica, Xisco Feijoó será a persoa encargada de impartir este obradoiro, no que ensinará a mellorar a técnica do toque de pandeireta, considerado de perfeccionamento, non de iniciación.

Dende o Concello animaron á cidadanía a achegarse á praza da Lectura e ao Pazo da Cultura para desfrutar desta programación, “pensada para persoas de todas as idades e a través da que unha vez máis, queremos poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e, este ano en particular, o labor das cantareiras, ás que se adica o Día das Letras Galegas, como principais transmisoras da nosa música, lingua e cultura”, destacou Ferreiro.

Lea también

Lil Team, da academia Paso a paso, campión junior do Mundial de Hip Hop Coreográfico WDSF

Os integrantes de Lil Team, da academia de baile Paso a Paso de Narón, alzáronse …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *