A entidade provincial participou nesta feira que tivo lugar en Bilbao do 9 ao 11 de maio promocionando o turismo gastronómico da provincia, cun amplo programa que incluía showcookings, presentacións e degustacións de produtos locais da man dos seus artesáns “É un auténtico orgullo ver como os nosos produtores triunfan neste tipo de eventos coa excelente calidade da súa materia prima”, sinalou Regueira. “O noso stand foi sen dúbida o que tivo máis afluencia de toda a feira e eso é grazas ao bo traballo dos produtores e dos cociñeiros que nos acompañan”.
Bilbao acolleu, unha vez máis, a visita da provincia da Coruña, coa participación da Deputación de A Coruña en Expovacaciones os días 9, 10 e 11 de maio. Unha participación que tivo “moi boa acollida” ante o público bilbaíno, tal e como sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira. “O noso stand estivo repleto de xente en todas e cada unha das actividades que desenvolvemos da man dos produtores e cociñeiros, sendo sen dúbida o que máis afluencia tivo de toda a feira”. “E isto débese”, engadiu, “ao seu bo traballo e facer”.
Co obxectivo de promocionar o turismo gastronómico da provincia, a entidade provincial organizou un programa completo e continuo con showcookings a cargo do chef Álvaro Victoriano, do Grupo Peculiar da Coruña, e presentacións e degustacións dos produtos de Orixes Galegas, Bonilla a la Vista, Mariscos de Barallobre e Empanadas Ternura.
“É un auténtico orgullo ver como o noso sector agroalimentario despunta neste tipo de eventos grazas á excelente calidade dos nosos produtos e tamén ao bo facer dos nosos chefs. Esa é, precisamente, a nosa mellor marca turística”, apuntou Regueira. “Foron tres días completos de promocionar territorio a través da gastronomía, pero tamén de poñer en valor o noso patrimonio, as nosas paisaxes e, por suposto, a nosa xente”.
E é que, ademais, a Deputación presentou, a través da súa campaña “A paisaxe que sabe”, algúns dos enclaves máis destacados da provincia que combinan interese turístico, paisaxístico e gastronómico, como a Vila de Muros, a Vila Mariñeira de Sada, o Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián en Outes, o Castro de Baroña e a Praia das Furnas en Porto do Son, o Dolmen de Axeitos en Ribeira, o Pazo de Goiáns en Boiro, a Vila de Rianxo e o Miradoiro da Curota na Pobra do Caramiñal.