Lil Team, da academia Paso a paso, campión junior do Mundial de Hip Hop Coreográfico WDSF

Os integrantes de Lil Team, da academia de baile Paso a Paso de Narón, alzáronse co primeiro premio do Campionato do mundo de hip hop coreográfico que se celebra esta fin de semana no Pazo da Cultura. A alcaldesa, Marián Ferreiro, felicitou aos gañadores ao remate do evento, cos que conversou sobre esta experiencia, que suma un novo éxito para a citada agrupación de baile. 

O Concello e o Club Baile Deportivo Narón organizan este primeiro mundial de hip hop coreográfico, no que participan uns 800 deportistas procedentes de diversos países.

Na tarde do sábado 10 celebrouse a Liga Xunta de Galicia de hip hop, en horario de mañá e tarde nas diferentes categorías. Ao remate da mesma deu comezo a cerimonia do WDSF Campionato do mundo de hip hop, co traslado da bandeira ao escenario do Pazo e a chegada dos participantes, que deu paso ao inicio das competición.

A última hora da tarde disputáronse as finais  das categorías Junior small, adult mega e junior large e finalmente procedeuse á entrega de premios, na que participaron, entre outros, a alcaldesa, Marián Ferreiro; o secretario xeral da WDSF, Sergey Nifontov; o presidente da FEBD, Luis Vañó ou a Delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Na categoría junior large, os naroneses Lil Team alzáronse co primeiro premio, se ben o segundo foi para Jungle, de Francia, e o terceiro para os tamén españois Get down. No caso da categoría de adult mega, os campións foron Da family e o segundo e terceiro posto foron para Havana nights e Humans in motion, nos tres casos de agrupacións estatais. E na categoría junior small os campións foron Beat it, de España, o segundo premio para Red hats, de Chipre, e o terceiro para Magic Feet, tamén españois.

As federacións mundial e estatal agradeceron a implicación do Concello de Narón e o CBD Narón con este evento deportivo, valorando o feito de que se levase a cabo na cidade, cunha ampla traxectoria no ámbito deportivo. Pola súa banda, a rexedora local agradeceu a confianza das federacións mundial, estatal e autonómica para elixir Narón como sede deste primeiro mundial de hip hop e tamén o labor dos xuíces asistentes e do CBD Narón.

Así mesmo, recalcou que se trata dun campionato “que é posible grazas aos clubs que participades a todas e todos os deportistas e equipos técnicos e, como non, a todas esas persoas que entre o público estades apoiando e animando aos rapaces”. Ferreiro subliñou que é “un honor e un feito que formará sempre parte da nosa historia que o primeiro campionato mundial de hip hop coreográfico se desenvolvese na nosa cidade”.

Lea también

Prace realizará la fase de Esteiro de ‘Abrir Ferrol ao mar’ por 2,7 millones de euros

Con la fase de A Magdalena en marcha en las obras de ‘Abrir Ferrol ao …