Tres alumnas do Campus Industrial de Ferrol presentan en Grecia ECORADAR, unha web para fomentar a alimentación saudable

Tres alumnas do Campus Industrial de Ferrol, Irene Rodiles, Lydia Fernández e Clara Ventura, presentaron, hai tan só un par de días, na sede da entidade social Infinity Greece en Tesalónica, ECORADAR, unha páxina web que lle permite á rapazada de entre 18 e 25 anos localizar aquelas tendas que ofrecen produtos de proximidade nas cidades da Coruña e de Ferrol. Este proxecto gañou o hackathon sobre finanzas persoais sostibles que tivo lugar, a finais do mes de xaneiro, na Facultade de Humanidades e Documentación, no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance.

De esquerda a dereita, Irene Rodiles (Santiago de Compostela, 2006), Lydia Fernández (Ferrol, 2000) e Clara Ventura (Fene, 2003)

Detrás desta iniciativa que pretende fomentar o consumo responsable entre os máis novos e, en particular, entre o alumnado da Universidade da Coruña (UDC) están Diego Pérez, Irene Rodiles e Lydia Fernández, estudantes do grao en Relacións Internacionais, así como Gabriel Pita e Clara Ventura, do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. Con todo, foron as tres alumnas do Campus Industrial de Ferrol quen viaxaron ata a cidade grega de Tesalónica para presentar a súa proposta de material educativo ante o alumnado e o profesorado da Vitautas Magnus University de Lituania, do Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre e da entidade social Infinity Greece.

Xa desde un comezo, a páxina web deseñada polo alumnado da Facultade de Humanidades e Documentación e máis da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol naceu coa idea de converterse nunha plataforma educativa que servise para concienciar á comunidade universitaria sobre a alimentación saudable, sostible e ecolóxica. É por iso que este espazo inclúe, ademais dese mapa de tendas de alimentación de proximidade, un blog sobre nutrición no que se irán incorporando suxerencias e receitas elaboradas, principalmente, polo propio alumnado da Universidade da Coruña (UDC), dous xogos educativos que tamén poderían seren empregados como recursos didácticos, así como un foro de debate no que poder crear unha comunidade arredor da alimentación saudable, sustentable e responsable.

Todos os materiais desenvolvidos na Universidade da Coruña (UDC) foron testados e avaliados polo resto de entidades participantes no Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance. Unha vez realizadas as melloras acordadas, todos estes materiais educativos, incluídos os presentados polo alumnado da Vitautas Magnus University de Lituania, do Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre e da entidade social Infinity Greece, serán publicados na páxina web https://impact-finance.eu.

Un hackathon no que participaron máis de 40 estudantes de grao e de máster da Universidade da Coruña (UDC).

A xestión dos residuos urbanos, a alimentación sostible, o consumismo ou a capacidade de aforro da mocidade foron algúns dos temas nos que afondaron os máis de 40 alumnos e alumnas inscritos no hackathon sobre finanzas
persoais sostibles que tivo lugar, o pasado mes de xaneiro, na Facultade de Humanidades e Documentación. O Campus da Coruña estivo representado polo estudantado dos graos en Administración e Dirección de Empresas e de Economía, así como polo alumnado do máster en Banca e Finanzas. Pola súa banda, o Campus Industrial de Ferrol contou coa presencia dun grupo de mozos e mozas que cursan os graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Xestión Industrial da Moda e en Relacións Internacionais.

Para acadar o seu obxectivo, o estudantado contou tamén co apoio dun grupo de persoas expertas entre as que figuran a consultora Maika R. Freire; a xornalista Eva Mazás; a experta en empredemento María Teresa Deus; o profesor do IES Salvador de Madariaga da Coruña Rodrígo García-Muñoz; o profesor do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, José Juan Álvarez; a pedagoga Maite García; a emprendedora Lucía Mato, o socio de Seniors Españoles para la Cooperación Técnica (SECOT), Sergio Martínez; o enxeñeiro naval Vicente Irisarri e os profesores da Universidade da Coruña (UDC), Javier Orosa, Jorge Pérez e Félix Puime.

Explorando sinerxías entre a sustentabilidade e as finanzas da mocidade

Identificar e promover sinerxías entre a sustentabilidade e a educación financeira da mocidade para tratar de resolver os retos de benestar aos que se enfronta a sociedade actual. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.

A organización Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre coordina unha iniciativa de innovación docente na que tamén participa a entidade social Infinity Greece de Grecia, a Vitautas Magnus University (VDU) de Lituania e a Universidade da Coruña (UDC) de España.

O Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance está financiado pola Comisión Europea (CE) e conta cun orzamento total de 120.000 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 30.000 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto, centrada na construción dunha percepción financeira unificada das finanzas persoais sostibles entre as organizacións, as institucións e os centros de educación superior que conforman o consorcio.

Alumnado e profesorado da Vitautas Magnus University de Lituania, do Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre, da entidade social Infinity Greece e da Universidade da Coruña (UDC), diante da Torre Branca de Tesalónica.

Acompañan a Begoña Álvarez neste proxecto os tamén profesores da Facultade de Economía e Empresa, Joaquín Enríquez, Dolores Lagoa, Susana Iglesias, Laura Varela e Andrea Teira quen están a avanzar na medición do grao de alfabetización financeira sostible existente en Chipre, Grecia, Lituania e en España e na creación de materiais educativos que sirvan para fomentar unha educación financeira sostible, actualizada e baseada nas lagoas formativas detectadas no marco desta iniciativa de innovación docente.

Lea también

Gran éxito de las visitas guiadas de La Ruta de la Construcción Naval de Ferrol durante la Semana Santa 2025

Las condiciones meteorológicas obligaron a la cancelación de 4 salidas, pero los carteles de completo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *