Moeche acolle unha nova edición da tradicional Feira Cabalar o 23 de Abril

Moeche está ás portas da celebración da Feira do 23 de Abril, xornada da tradicional dedicada aos cabalos. A Feira do 23 de Abril é sinónimo de cabalos de todos os tipos e razas que chegan a Moeche para lucir estampa e nobreza ou para cambiar de mans.

Archivo-Moeche

Una nova edición organizada pola Asociación Ecuestre 23 de Abril, quen xa ten ben avanzados os preparativos para a celebración. Repartiranse 3.650 euros en premios para os xinetes e amazonas que demostren máis pericia na andadura chapeada e andadura serrada, divididas en 2 apartados para animais de menos e máis de 1,5 m de altura á cruz, así como, a manada máis numerosa, e estampa beleza .

O Concello compromete a súa colaboración económica e loxística na organización do evento, que no apartado económico se traduce nunha subvención directa de 6.000€ ao que lle hai que sumar os gastos que o concello asume como propios (ambulancia asistencial, aluguer e transporte de valos, conexións eléctricas e a coordinación de seguridade) que roldan os 4.000€. Esta colaboración plásmase na sinatura dun convenio de colaboración que, tras presentar toda a documentación por parte da entidade, se asinará o luns 21.

No marco do compromiso de coordinación da seguridade o Concello convocou unha reunión a comezos de abril á que asistiron a alcaldesa, Beatriz Bascoy, os concelleiros de Medio Ambiente e Desenvolvemento Local, Miguel Pedreira e Cristina García, a presidenta da Asociación Ecuestre 23 de Abril, Noelia Castro, ademais do sarxento do posto da Garda Civil de San Sadurniño, a representante da empresa que deseñou o plan de prevención e  persoal de coordinación dos distintos equipos de Protección Civil que botarán unha man o próximo mércores, procedentes do Concello das Pontes, Neda, Narón e Valdoviño.

Desde o Concello «agradécese a implicación de todos estes equipos para que todo transcorra sen incidencias, ao Concello das Pontes e ao Concello de San Sadurniño polo apoio loxístico e, ao tempo pídeselle a máxima colaboración á veciñanza, visitantes e participantes co obxectivo de que o 23 de Abril siga sendo o que é sempre, un éxito».

A Asociación Ecuestre 23 de Abril, entidade organizadora, abriu as inscricións nas distintas probas vía telemática, como sen vén facendo nos últimos anos, xa hia unhas semanas . Entres as novidades presentadas pola asociación nesta nova edición, figura o límite de inscricións, inicialmente, a 160 cabalos participantes nas probas de andadura así como un novo premio, o concurso de fotografía, do que saíu a imaxe do cartel da feira.

Como é habitual, as persoas participantes deberán levar o animal canda a súa documentación oficial para facer as medicións pertinentes. As bases estipulan, entre outras cuestións, a obriga de usar cascos regulamentarios para poder participar nas probas e a descualificación inmediata no caso de que haxa indicios de maltrato animal. Ademais, tanto a organización como as forzas de seguridade poderán expulsar a calquera participante que estea facendo un uso inadecuado da pista ou se se considera que pon en risco a seguridade da proba, que se desenvolverá nun circuíto debidamente valado e restrinxido á entrada do público.

A Asociación Ecuestre 23 de Abril premiará os animais que mellor desempeño exhiban en dous xeitos de marcha que requiren tempo de adestramento e moita compenetración coa montura. Son a andadura chapeada -o animal avanza en catro tempos, poñendo cada vez un casco no chan-, e a andadura aserrada -os cascos de cada lado pousan ao mesmo tempo mentres os outros se adiantan. Estas 2 categorías desdobraranse á súa vez dependendo das alturas, separando as probas para animais de menos de 1,5 metros de altura á cruz e para os que excedan desa medida. Repartiranse premios tamén, a estampa e beleza e á manada máis numerosa

Archivo- Moeche

Rúas cortadas e pases de acceso para os residentes.
O Concello agradece a colaboración da veciñanza que cede o uso de parcelas para esa xornada como aparcadoiros, e lembra que a rúa da Feira estará cortada durante todo o 23 de abril. As persoas residentes na rúa da Feira poden continuar recollendo o pases de acceso na Casa do Concello .

Desde o martes 22 pola tarde até a noitiña do mércores 23 tamén se cortará o tráfico no tramo de estrada entre Pensos Pazo e a capela de San Ramón, xa que é nesa zona onde se sitúa o circuíto e onde se concentra a maior actividade cabalar. O propio dia 23 estará cortado o paso de vehículos (excepto para a zona de aparcadoiro) desde a avenida 23 de abril, á altura de Agromera , e na rúa da Feira , desde o cruce en Casa Sixto , ata o cruce coa pista dirección Pardiñas, A Corveira e AC 862.

Zonas de aparcadoiros e accesos
Establécense varias áreas de aparcadoiros,  outras  para os remolques e vehículos de transporte de cabalos para o trato e outras para os cabalos da carreira; ademais de zonas especificas para cabalos.

Os accesos a zona do recinto feiral establécense, coma sempre, polo cruce da AC-862 coa estrada provincial DP 4901 ( zona do CEIP San Ramón), dirección de entrada, e a saída pola avenida 23 de abril.

Para os participantes na carreira o acceso será polo cruce da estrada provincial Balocos a Somozas coa DP 4901. ao seu paso polo campo municipal de fútbol , cunha soa dirección cara ao recinto da carreira. A estrada paralela esta (a “da antiga biblioteca”) será dunha soa dirección, de saída desde a zona da carreira cara á estrada Somozas Balocos.
Poderán acceder tamén desde a estrada que vén da zona de Vilanova, para situarse no aparcamento R2, mentres os camións de gando continuarán ata a nave do gado no propio recinto feiral.

Lea también

Este viernes, acto público de inicio de las obras de derribo de la muralla del Arsenal de Ferrol

Está previsto el cierre al tráfico del vial de Irmandiños desde as 08:30 hasta las …