A Deputación apoia con 1,5 millóns de euros o traballo das entidades sociais da provincia

Un total de 44 entidades benefícianse de 1 millón de euros en axudas para o funcionamento de centros de día, residencias, centros ocupacionais ou de atención á infancia.

Asociación Íntegro de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte- Foto. Diputacion A Coruña

A Deputación da Coruña destina este ano 1,5 millón de euros para apoiar ás entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia no mantemento dos seus centros e de programas sociosanitarios e terapéuticos dos que se benefician centos de persoas da provincia con discapacidade ou enfermidades crónicas.

A concesión destas liñas de subvencións vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado xoves, 10 de abril. Son un total de 76 axudas, que oscilan entre os 1.000 e os 54.800 euros. Un total de 44 asociacións benefícianse este ano de 1 millón de euros en axudas da Deputación para o funcionamento de centros, que inclúen residencias, centros de día, ocupacionais ou de atención á infancia, entre outros.

Entre elas destacan o centro Ricardo Baró de Aspronaga (Oleiros) para persoas con discapacidade intelectual, o centro de rehabilitación psicosocial e inserción laboral para persoas con con trastorno mental severo e crónico “A Creba” de Noia, os apartamentos tutelados “O teu fogar, o teu futuro” de Down Coruña, o centro de día de Adaceco, as asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO) e Ferrol (AFAL), a unidade de día da Asociación Ferrolá de Drogodepedencias (ASFEDRO) ou a Asociación Íntegro de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Na liña para programas sociosanitarios, a Deputación destina outros 500.000 euros para apoiar a 32 entidades na súa oferta de servizos, programas ou activades de carácter sociosanitario dirixidas a persoas enfermas -xeralmente crónicas- que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións, favorecer a rehabilitación e a súa integración social.

Algunhas patoloxías coas que traballan as entidades financiadas son a saúde mental, a anorexia e a bulimia, o cancro, a esclerose múltiple, a ELA, o Alzheimer, a fibrose quística, o Párkinson ou as enfermidades reumáticas, entre outras.

Centro Ricardo Baró de Aspronaga (Oleiros) para persoas con discapacidade intelectual. Foto-Diputación A coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia destas axudas para apoiar o funcionamento de entidades sociais que “contribúen a mellorar a vida de miles de persoas especialmente vulnerables e as súas familias” e subliñou “o traballo fundamental” destas asociacións. “Xa sexa no ámbito da exclusión social, da discapacidade, da loita contra a pobreza ou na atención á infancia e ás persoas maiores, estas organizacións son nun piar esencial para construír unha sociedade máis equitativa e inclusiva”, afirmou.

Este ano, a Deputación da Coruña destinará 4,5 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para apoiar a actividade de máis de 270 entidades sociais da provincia a través de diferentes programas que financian actividades, gastos de funcionamento e persoal, melloras ou ampliacións de sedes e dotación de vehículos para o transporte de persoas con necesidades especiais.

Ligazón ao BOP:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/04/10/2025_0000002292.pdf

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/04/10/2025_0000002293.pdf

Lea también

La Concatedral de San Julián vibra con un recital solidario del maestro Carlos Fernández para impulsar su futuro órgano monumental

El organista mugardés Carlos Fernández Bollo, titular de las catedrales de Mondoñedo y León, protagonizó …