O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, reuniuse cun grupo de bombeiros para informarlles das xestións levadas a cabo pola Administración ferrolá de cara a conseguir que o parque municipal da Gándara se converta en comarcal e, deste xeito, garantir o mantemento do emprego neste corpo local para a extinción de incendios, incluídos os dez bombeiros incorporados en virtude do convenio asinado entre os Concellos de Ferrol e Narón para compartir este servizo. “Estas son as dúas prioridades fundamentais para o goberno e para o conxunto da Corporación Municipal, como quedou reflectido no pleno de onte”, en que todos os concelleiros votaron a favor de avanzar na comarcalización do parque.
700.000 euros anuais
Respecto diso, Rey Varela explicou ao colectivo de bombeiros que a comarcalización do parque “non depende soamente da vontade do Concello de Ferrol, senón tamén do Concello de Narón e do Consorcio Provincial de Bombeiros”, entidade esta última da que forma parte a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña. Así, o rexedor municipal explicou que o investimento actual da Administración ferrolá nos dez efectivos incorporados a raíz do convenio con Narón ascende a 700.000 euros ao ano; e que que do que se trataría é de repartir este custe entre todas as partes.
Seguir traballando pola comarcalización
Así as cousas, o Concello de Ferrol traballa na negociación dun acordo con Narón e o Consorcio Provincial de Bombeiros fixándose como horizonte temporal máximo o vindeiro 31 de decembro, data en que remata a vixencia da prórroga do convenio co municipio veciño. O primeiro edil da cidade comunicou aos bombeiros que “seguimos traballando na comarcalización”, e anunciou que en vindeiras datas –probablemente a vindeira semana- estarase en condicións de presentar un borrador coa proposta de acordo de comarcalización do parque de bombeiros de Ferrol.