Solicitan tamén a cobertura total e a tempo completo das dúas prazas de pediatría asignadas ao centro de saúde das Pontes. Porán en marcha unha recollida de firmas entre a veciñanza.
O Concello de As Pontes e as Asociacións Veciñais das Pontes esixen á Xunta de Galicia, a implantación, de forma urxente, do servizo de raios X no centro de saúde do municipio.
Esta reclamación súmase as realizadas durante os dous últimos anos polo goberno local para reclamar este servizo asistencial que evitaría os desprazamentos dos veciños das Pontes ao centros sanitarios de Ortigueira, Pontedeume e Ferrol.
Así lembran que “solicitamos, en reiteradas ocasións, á Consellería de Sanidade unha reunión para abordar esta cuestión e implantar o servizo de raios X no centro de saúde das Pontes sen recibir ningunha resposta pola súa parte”.
“Estase privando á veciñanza do acceso universal e gratuíto á sanidade, obrigándonos a realizar desprazamentos innecesarios que implican custes económicos e importantes perdas de tempo e non estamos dispostos a que isto siga ocorrendo. O centro de saúde das Pontes conta co espazo preciso para albergar este servizo e esixímoslle á Xunta de Galicia a creación inmediata deste servizo”, engaden representantes do Concello e da veciñanza local.
Asi mesmo reclaman da Xunta de Galicia non só a creación do servizo senón que se dote do orzamento axeitado e suficiente para poder sufragalo sen que teña que ser o Concello das Pontes quen acabe suplementando o gasto. Concello e AA.VV tamén lle solicitan á Xunta de Galicia, a cobertura total e a tempo completo das dúas prazas de pediatría asignados ao centro de saúde local, recordando que “só está cuberta unha das dúas prazas asignadas e non durante todos os días da semana o que está a provocar que os menores de 14 anos da nosa vila teñan que ser derivados, en moitas ocasións, aos servizos de atención pediátrica de Ferrol ou ao servizo de urxencias da área sanitaria”.
Esta circunstancia provoca que máis de 1.000 nenos das Pontes, menores de 14 anos, teñan que ser atendidos por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo e, no caso dos menores de tres anos, a situación aínda é máis preocupante ao verse obrigados a desprazarse a 40 quilómetros para ser atendidos por un especialista en pediatría.
Administración local e tecido asociativo veciñal remarcan que se trata “dunha situación inadmisible”, recordando que esta situación non é nova. “Non é a primeira vez que se denuncia a perda de servizos sanitarios no noso municipio, especialmente grave cando falamos de nenos e nenas. Non entendemos a falta de interese da Xunta de Galicia para articular solucións para non reforzar a atención sanitaria nas zonas rurais e garantir un dereito fundamental de todos os veciños e veciñas das Pontes, especialmente da poboación infantil”.
Avanza que Asi mesmo, avanzan que se porá en marcha unha campaña de recollidas de firmas para esixir, á Xunta de Galicia, a implantación, de forma urxente, do servizo de raios X no centro de saúde do municipio así como o reforzo da atención sanitaria no municipio.