Deseñar unha ruta universal por algúns dos espazos ou lugares máis significativos da Universidade da Coruña (UDC) e que esta sexa accesible para o conxunto da sociedade independentemente das súas capacidades. Este é o principal obxectivo do proxecto “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol” que lidera a profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Ana Ares, e que co-financia a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, no marco da Convocatoria de Axudas para o Fomento da Cultura Científica Tecnolóxica e da Innovación.

Botando man dos principios do Deseño Universal (DU), a ruta na que está a traballar, desde hai xa uns meses, unha pequena parte da comunidade universitaria, representada por profesorado, persoal investigador e alumnado do Campus Industrial de Ferrol, permitirá que aquelas persoas con algún tipo de discapacidade física, sensorial, intelectual ou psíquica, entre outras, podan coñecer, en igualdade de condicións, a Facultade de Humanidades e Documentación, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
O proxecto, aínda en fase inicial, inclúe a elaboración dun folleto promocional da “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol” no que colaborará o alumnado do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, titulación que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), así como o persoal da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) e do Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña (UDC), facéndolla chegar ao tecido asociativo e a todos os centros de ensino de Galicia.
A elaboración dun folleto explicativo previo e posterior á visita, a creación de xogos interactivos e o deseño e instalación de paneis informativos en cada un dos espazos ou lugares incluídos nesta ruta universal polo Campus Industrial de Ferrol completan unha proposta na que tamén colabora profesorado vinculado á Facultade de Enfermaría e Podoloxía, á Facultade de Humanidades e Documentación e á Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) xunto con persoal do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), vinculado ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, ao Laboratorio de Mecánica de Fluídos, ao Laboratorio de Plásticos e ao Canal de Ensaios Hidrodinámicos.
A maiores, cómpre sinalar que para a elaboración de todo este material divulgativo, o profesorado, persoal investigador e alumnado implicado está a contar co asesoramento dos e das profesionais así como das persoas usuarias da Asociación de Síndrome de Down (TEIMA DOWN Ferrol), da Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia (ASPANAES), de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e máis da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF Ferrolterra).

O Laboratorio de Plásticos, a experiencia piloto
Entre os meses de setembro e decembro de 2024, Lucía Toval, Nuria Silván, Ainhoa López, Lucía Varela e Bruno Rivero, estudantes dos últimos cursos do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), traballaron, en colaboración coa profesora da Universidade da Coruña (UDC), Ana Ares, as investigadoras do Grupo de Polímeros, María José Abad e Silvia Lage, e as persoas usuarias de TEIMA DOWN Ferrol e ASPANAES, no deseño dun panel informativo e dun folleto divulgativo previo e outro posterior á visita ao Laboratorio de Plásticos, situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Tal e como explica Lucía Toval, para completar esta primeira experiencia piloto “decidimos crear tres xogos que reforcen o contido da visita e os conceptos explicados como son a natureza dos plásticos, a reciclaxe, a impresión 3D ou mesmo a súas aplicacións no eido da medicina”. No primeiro deses xogos, titulado “Que é un plástico?”, as persoas que visiten o Laboratorio de Plásticos deben clasificar unha serie de obxectos cotiáns en función de se son plástico ou non. No segundo xogo, “A maxia da reciclaxe”, o público que participe nesta visita terá que introducir diversos materiais de refugallo en cadanseu contedor. No terceiro e último xogo, titulado “Que fai especial ao plástico?”, as persoas usuarias deberán asociar determinadas características do plástico con exemplos do seu uso.
Logo da experiencia piloto desenvolvida no Laboratorio de Plásticos, nos próximos meses deseñarase este mesmo material para outros laboratorios do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), que dirixen os profesores Armando Yáñez e Francisco González, como son o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, da man dos investigadores Florian Michaud, Antonio Rodríguez e de Emilio Sanjurjo, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos, en colaboración cos investigadores Anne Gosset e Marcos Lema, e o Canal de Ensaios Hidrodinámicos, baixo a supervisión do persoal do Grupo Integrado de Enxeñaría, Vicente Díaz, Lucía Santiago, Sara Ferreño, Alicia Munín e Marcos Míguez.
A “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol” tamén permitirá coñecer a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, da man dos profesores Emma Rodríguez e Pedro Gil, o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Relacións Internacionais, que se imparten na Facultade de Humanidades e Documentación, xunto cos seus coordinadores Manuel Escourido e Félix Puime, así como a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), baixo a supervisión dos docentes Pablo Galdo e Cristina Prado.