Fene prepara para o 8M unha programación especial baixo o lema “Elas, escríbese en feminino”

O Concello de Fene, a través da área de igualdade que dirixe Sandra Permuy, está a ultimar a programación especial do 8 de Marzo -Día Internacional da Muller- cunha campaña que leva por lema “Elas, escríbese en feminino”. A iniciativa busca recoñecer e visibilizar o papel fundamental das mulleres na historia, na sociedade e no desenvolvemento comunitario, poñendo o foco na súa memoria, traballo e loita pola igualdade.

A concelleira de igualdade, Sandra Permuy, destacou que “este ano queremos facer unha homenaxe especial ás mulleres das nosas sociedades e entidades veciñais, verdadeiros motores incansábeis que demostran que o crecemento persoal e colectivo pasa pola unión de esforzos cara un obxectivo común. O seu compromiso merece ser recoñecido e posto en valor”.

Actividades na véspera do 8M

Este 7 de marzo, véspera do Día Internacional da Muller, desenvolveranse diversas actividades para dar inicio á conmemoración. O Concello de Fene acollerá o acto institucional no que inaugurará un mural en croché, elaborado por veciñas de Fene como homenaxe ás mulleres que dedicaron a súa vida á reivindicación dos seus dereitos, coidadoras incansábeis que, con paixón e tenacidade, axudaron a construír unha sociedade máis xusta.

Outra das actividades prevista é unha homenaxe ás mulleres das sociedades locais, recoñecendo a súa contribución social e comunitaria a través da “Árbore da vida” do espazo “Sementando igualdade”, situado ao pé do Concello.

O programa inclúe tamén un obradoiro dirixido a mulleres que servirá como presentación oficial do xogo “O latexo das bolboretas”, unha iniciativa creada polo Concello de Fene. Este xogo de mesa busca fomentar a reflexión, o autocoñecemento, a autoestima e o empoderamento, ofrecendo unha ferramenta dinámica para traballar a igualdade. Tras a súa presentación, será distribuído gratuitamente en sociedades, centros educativos e outras dependencias municipais.

Ademais, o Concello de Fene decorará en morado as sociedades e, en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos “O Cruceiro”, acordou que os establecementos adheridos tamén se sumen a esta iniciativa, especialmente aqueles que participan no Outlet de Fene, que terá lugar esa mesma fin de semana. Así mesmo, o Concello anima ao resto de comercios e negocios locais a unirse a esta acción simbólica para reforzar a visibilización e o apoio á igualdade.

Sandra Permuy subliñou que esta campaña «non só é un recordatorio da importancia da igualdade, senón tamén unha mostra da vontade activa do Concello por seguir traballando para erradicar calquera forma de machismo, denunciar a violencia de xénero e activar os recursos necesarios para construír unha sociedade máis equitativa e xusta para todas».

Chamamento á mobilización do 8M

O Concello de Fene anima á veciñanza a sumarse ás actividades organizadas polo feminismo galego, entre as que destaca a manifestación convocada en Ferrol o 8 de marzo ás 20:00 horas, unha mobilización clave para seguir reivindicando unha sociedade libre de discriminacións.

Con esta programación, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa loita pola igualdade, visibilizando e recoñecendo o papel das mulleres na historia e no presente do municipio.

Lea también

Cabanas refuerza durante el verano los efectivos de la Policía Local

El Concello de Cabanas incorpora dos auxiliares de policías locales para reforzar el cuerpo policial …