O proxecto «Club de Debate» chega a Ferrolterra

O Concello de Ferrol asinou hoxe co das Pontes un protocolo de colaboración para o fomento do uso do galego entre a mocidade a través do proxecto Club de Debate, ao que tamén se sumaron outras trece Administracións locais de toda Galicia. O edil ferrolán de Normalización Lingüística, José Manuel Vilariño, e a responsable municipal de Cultura do municipio pontés, Sara Ramos, presentaron esta iniciativa na que se inscribiron un total de 17 alumnos do Concello de Ferrol, pertencentes ao IES Saturnino Montojo e ao IES Canido, e un total de 13 polo Concello das Pontes, pertencentes ao IES de Montecaxado e ao IES Moncho Varcarcel.

José Manuel Vilariño explicou que Ferrol súmase a esta iniciativa porque “ademais de ser unha acción que encaixa perfectamente nas liñas establecidas polo Plan de Normalización Lingüística Municipal, o traballo conxunto é máis enriquecedor e máis frutífero, e moi necesario en ámbitos ou procesos de normalización social da lingua galega”. Neste sentido, o titular de Normalización Lingüística apuntou que Club de Debate é unha actividade nova no concello ferrolán, que “esixe un alto grao de implicación e traballo por parte dos docentes que coordinan os grupos de debate así como por parte do propio alumnado”.

No que atinxe á metodoloxía do debate, este consiste na confrontación de argumentos entre dous equipos que defenderán dúas posicións enfrontadas sobre os temas obxecto de discusión. A decisión de defender unha postura ou outra decídese nun sorteo previo. O debate terá unha estrutura fixada cunha duración total de 36 minutos. En canto aos equipos, estarán formados por un mínimo de catro persoas e un máximo de dez, máis un preparador/a.

Obradoiro

O tema seleccionado para a fase comarcal nesta edición sobre o que xa están a traballar os inscritos é “A democracia actual permite a participación cidadá”. Os Concellos de Ferrol e As Pontes, co obxectivo de que os equipos preparen o debate, ofrecen un obradoiro de comunicación que contribuirá á mellora e adestramento das habilidades relacionadas coas intervencións públicas orais en lingua galega. No caso dos participantes ferroláns e ponteses, o obradoiro terá lugar esta tarde no Centro Carvalho Calero, a partir das 16.30 horas. O debate comarcal celebrarase neste mesmo espazo o 24 de marzo, en horario de mañá e tarde, e será aberto ao público. Os equipos estarán coordinados por un xurado composto por cinco persoas.

O equipo gañador recibirá un vale por importe de 500 euros e pasará á fase final que terá lugar en Pontevedra o 28 de abril, onde participará un equipo por cada comarca. Así mesmo, haberá un finalista por cada concello que tamén recibirán un premio: un vale por importe de 300 euros e un lote de libros. O premio que recibirá o equipo gañador será unha viaxe de contido cultural para un máximo de 25 participantes valorada en 5.000 euros. Evidentemente, o idioma durante os debates será o galego, e a calidade lingüística así como a capacidade de razoamento e argumentación serán elementos de especial relevancia para o xurado.

Lea también

A nova edición das Alfombras Florais de Ares chegará á vila o 2 de xuño

A Festa de Interese Turístico de Galicia iniciará os traballos de preparación este mesmo venres …