BNG de Ferrol solicita o recoñecemento de Castelao como 1er presidente de Galicia

O BNG de Ferrol vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno de xaneiro, que se celebra o xoves 30, para que o Concello de Ferrol promocione a figura de Castelao. Deste xeito, «preténdese que a Xunta de Galicia recoñeza a Castelao como primeiro presidente de Galicia, e ao Consello de Galicia como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea».

Iván Rivas, portavoz nacionalista, pon a atención sobre «a necesidade de que a figura de Castelao sexa debidamente coñecida e valorada polo pobo ao que dedicou os seus esforzos. Lembra que toda a súa vida e a súa obra constitúen un inmenso legado político e cultural que é preciso administrar e divulgar, facendo que os seus ideais se fagan realidade na Galicia de hoxe».

O BNG considera que «temos a obriga de honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galicia. Ademais debemos de facelo sendo fieis ao seu pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político, que constitúen unha unidade indisolúbel».

«Tal e como recolle o texto da moción, as nacionalistas piden que desde o concello de Ferrol se apoie a declaración do 2025 como Ano Castelao e instan ao goberno municipal a impulsar unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galicia, a súa obra artística e literaria, e o seu humanismo e internacionalismo solidario».

O BNG afirma, no texto da súa iniciativa que «Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950) é a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galicia, unha condición que deriva dunha traxectoria vital guiada pola integridade ética, a loita contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a militancia no internacionalismo solidario».

Lea también

El TSXG confirma un año y ocho meses de prisión por un robo con fuerza en la cantina de un campo de fútbol en Ferrol

El Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ha confirmado la condena de un año …