A biblioteca municipal de Neda reabre ao público renovada este mércores

Neda reabre este mércores a súa biblioteca municipal; O centro recupera así a actividade, tras dous meses pechado ao público por mor da posta a punto e cambio de mobiliario da sala de lectura de adultos. Unha intervención, que supuxo a actualización da imaxe das instalacións.

Coa volta ás aulas, este piar fundamental da Casa da Cultura recupera a actividade no seu horario habitual. E faino tras completarse unha renovación que, dado o deterioro das antigas librarías, resultaba indispensable para garantir a conservación dos fondos bibliográficos existentes, nada menos que 29.000 títulos.A mellora, impulsada polo Concello, coa colaboración da Consellería de Cultura, permitiu dotar á biblioteca pública de 67 novas librarías, adquirir algunha mesa, e mercar material informático para facilitar, baixo demanda, aos usuarios do servizo as consultas. Ademais, aproveitando o baleirado das dependencias, a administración local precedeu a pintar os interiores que, grazas á redistribución de espazos, locen máis diáfanos. O investimento roldou os 30.000 euros.

Completadas as tarefas de montaxe e, como non, a organización e colocación dos exemplares, recupéranse os servizos tanto de préstamo a domicilio como de consulta en sala (o horario de apertura é de luns a xoves, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas, e os venres, de 9 a 13 horas).

Segundo un informe da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, a de Neda é a cuarta con máis préstamos bibliotecarios por cada 1.000 habitantes de Galicia, só por detrás das de Ortigueira, Beariz e Oleiros. Un dato que constata o bo funcionamento do centro, que destaca ademais polo volume de obras en relación á poboación local (ocupa a posición 12 do ranking galego).

A biblioteca, inaugurada en 1982, constitúe unha das pezas fundamentais da oferta de lecer da Casa da Cultura de Neda, un inmoble no que están a piques de comezar novas obras de mellora. Desta volta, intervirase na cuberta e nas carpinterías exteriores do auditorio.

Lea también

Aprobados los días festivos en Valdoviño para el 2026

La corporación municipal de Valdoviño aprobaba este jueves en pleno los festivos locales para el …