«O alcalde intenta sancionar ás empresas por non cumprir os prazos e non é quen de tramitar as sancións a tempo». «Estamos ante unha paradoxa vergoñenta: Rey Varela intenta sancionar incumprimentos, pero o seu goberno nin sequera é quen de tramitar os procedementos nos tempos legais», sinalaron desde o Grupo Municipal Socialista.
O Grupo Municipal Socialista denuncia «a incapacidade do goberno local para xestionar de maneira eficiente e responsable os procedementos administrativos municipais».
«Os recentes erros administrativos na tramitación de expedientes sancionadores evidencian un goberno incapaz de cumprir coas súas propias obrigas e prazos legais. Esta situación deixa en evidencia a falta de organización e previsión na xestión pública local».
Desde o Grupo Municipal Socialista «preguntámonos se este descontrol administrativo reflicte unha falta de vontade política real ou simplemente unha falta de capacidade para garantir o correcto funcionamento do Concello. Cabe lembrar que foi o propio goberno municipal o que anunciou con grandes titulares a súa intención de sancionar de maneira exemplar, pero a realidade demostrou que ditas palabras non pasaron de ser promesas baleiras».
«Estes erros poñen de manifesto non só a falta de dilixencia na xestión de Rey Varela, senón tamén o descontrol absoluto que parece imperar no Concello de Ferrol. Ademais, resulta especialmente preocupante que, cunha maioría absoluta e un equipo de once asesores, ninguén fose quen de orientar correctamente sobre o procedemento a seguir para evitar este tipo de erros».»Esta situación suscita serias dúbidas sobre a efectividade do equipo de goberno e dos seus asesores».
O Grupo Municipal Socialista considera que «o descontrol e a incapacidade paraxestionar asuntos clave como os expedientes administrativos xeran unha preocupante sensación de desgoberno. Mentres tanto, a cidadanía de Ferrol espera unha administración que actúe con responsabilidade, eficacia e transparencia».
Desde o Grupo Municipal Socialista «esixiremos explicacións claras sobre esteserros e solicitaremos na comisión informativa correspondente o acceso ao expediente administrativo para esclarecer os feitos. É imperativo que o Concello de Ferrol recupere o rumbo e priorice o interese público».