A proba ciclista O Gran Camiño 2025 pecha na provincia da Coruña

Valentín Formoso participou en Betanzos na presentación do evento, que reunirá a algunhas das principais estrelas do ciclismo nacional e internacional. A alcaldesa de Betanzos, María Barral, agradeceu a aposta da organización e da Deputación da Coruña para lograr que a veciñanza do seu municipio “poida gozar dunha saída tan espectacular dunha proba tan relevante”

Fuente Diputación de A Coruña

O Gran Camiño 2025, a proba ciclista herdeira da Volta a Galicia, pecharase este ano na provincia da Coruña. Farao o domingo, 2 de marzo, nunha etapa con saída en Betanzos e meta en Santiago de Compostela que será a derradeira das cinco que compoñen o itinerario da proba, con etapas en Portugal e nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Así se desvelou esta semana na presentación da etapa, celebrada no Liceo da cidade betanceira e na que estivo presente o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o deputado de Deportes, Antonio Leira; a alcaldesa, María Barral; e o exciclista e organizador da proba, Ezequiel Mosquera e representantes dos equipos locais Club Ciclista Betanzos e Club Caimanes Betanzos.

Durante a súa intervención, Formoso quixo poñer en valor “a dobre alma” da proba. Unha dobre alma que é “deportiva e histórica, no relativo á vinculación co Camiño de Santiago”. “Sen esta unión ao Camiño sería unha proba moi interesante, pero unha proba ciclista máis. O Camiño de Santiago dálle un importante empaque histórico”, destacou o presidente, para quen o feito de que a última etapa do campionato ciclista discorra entre “a capital histórica do antigo Reino de Galicia e a capital estatutaria actual” convértea na “etapa das capitais” e outórgalle ao evento aínda máis compoñente histórico.

Fuente Diputación de A Coruña

Valentín González Formoso recalcou que “a Deputación sempre está apoiando todos os eventos que axudan a poñer en valor o deporte porque para o deporte fai mellores persoas”. Ademais, quixo agradecer á organización a posibilidade que lle outorgou á Deputación para “facer realidade un pequeno sono para Betanzos, un municipio moi vinculado ao ciclismo”.

Fíxoo despois de que a alcaldesa betanceira, María Barral, recoñecese que a labor da Deputación da Coruña foi fundamental para que o seu municipio conte cunha proba moi “demandada”.Quero dar as grazas á organización e á Deputación da Coruña por apostar, como sempre, polo deporte, polo ciclismo e por cidades como Betanzos. De non ser por esa aposta quizais non poderíamos contar con probas deste nivel e que a nosa veciñanza poida gozar de algo tan espectacular como a saída dunha etapa dunha proba desta relevancia, que vai moito máis aló da nosa comunidade autónoma”, destacou a rexedora.

Pola súa banda, Ezequiel Mosquera explicou que O Gran Camiño ten a posibilidade de “levar o deporte de primeiro nivel á porta das casas”. “Sobre todo, a porta de casas como as de Betanzos, que ademais de toda a historia que ten e que debemos contar aos de fóra, conta cunha importante tradición ciclista”, engadiu. Mosquera adiantou que a etapa coruñesa non será de montaña nin tampouco contrarreloxo, pero “será moi espectacular”.

Polo momento, o Gran Camiño desvelou que a súa primeira etapa correrase por primeira vez en Portugal, entre as localidades de Maia e Matosinhos e que esta quinta e derradeira etapa do 2025 unirá Betanzos con Santiago de Compostela.

Nas súas catro edicións, O Gran Camiño tense consolidado como a gran proba de referencia do ciclismo galego, reunindo en cada edición a algúns dos principais equipos e estrelas do ciclismo a nivel nacional e internacional, como o danés Jonas Vingegaard, dobre gañador do Tour de Francia e gañador da proba nos últimos dous anos, Alejandro Valverde, Egan Bernal, Richard Carapaz ou o galego Carlos Canal.

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …