Máis dun millón de euros procedentes de fondos públicos destináronse á recuperación dos edificios número 202 e 204 situados na rúa Magdalena
O Concello de Ferrol recepcionou hoxe as obras de rehabilitación dos edificios número 202 e 204 da rúa Magdalena, no centro histórico da cidade, que albergarán o novo Centro Cívico e Social Concepción Arenal. A Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo, que dirixe Guillermo Evia Pérez, cumpriu o venres día 23 con este trámite administrativo co que se dan por rematados os traballos de recuperación destes dous inmobles singulares da cidade, de alto valor arquitectónico, histórico e patrimonial; e que se atopan no listado de bens catalogados polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio da Magdalena.
Tres entidades
Unha vez recibidas as obras por parte da Administración ferrolá, o seguinte paso será a elaboración e aprobación dos documentos de cesión de usos destes inmobles ás entidades veciñais e culturais. Deste xeito, o Concello de Ferrol abrirá a novos usos e asociacións os edificios, en cuxas obras de restauración investíronse máis de un millón de euros procedentes de fondos públicos. Neste sentido, o novo Centro Cívico e Cultural Concepción Arenal albergará as sedes de varias entidades do tecido cultural e asociativo da cidade, que na actualidade ocupan instalacións alugadas que supoñen un custe para todos os ferroláns posto que é a Administración local a que corre co abono dos gastos. Así, o centro Concepción Arenal dará cabida ao Ateneo Ferrolán, á Sociedade Artística Ferrolá (SAF) e a Asociación de Veciños da Zona Centro. Cada unha destas entidades terá o seu propio espazo no inmoble, e ademais compartirán outros comúns.
Cómpre salientar que a actuación de rehabilitación nesta construción patrimonial do barrio da Magdalena superou o millón de euros de investimento. As obras foron adxudicadas e iniciadas no anterior cuadrienio e o actual goberno municipal as atopou paralizadas e sen partida orzamentaria para completar a obra principal. A Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo tivo que superar estas dificultades e incrementar en máis de 300.000 euros o investimento inicialmente previsto no anterior mandato para acometer a instalación da nova cuberta e pagar conceptos non recollidos no proxecto.