Ares recibe preto de 3M€ para o Mosteiro de Santa Catalina

Boas novas en materia urbanística para o municipio aresán: o Goberno de España vén de resolver definitivamente as liñas de axuda do Programa de Mellora da Competitividade e Dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico, nas que o Concello de Ares resultou seleccionado como 1 das 79 administracións de todo o Estado beneficiarias desta subvención.

Así, Ares recibirá un investimento de 2.999.998 euros para mellorar e impulsar un dos tesouros patrimoniais da vila, o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, grazas a estes fondos procedentes do Ministerio de Industria e Turismo, enmarcados dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

E co foco posto nesta concesión da liña de axuda –un 100 % do solicitado polo Concello–, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, visitou o Mosteiro de Santa Catalina xunto co alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, e a edil de Cultura, Alma Barrón.

As autoridades institucionais supervisaron así o estado do cenobio aresán, no que se actuará proximamente seguindo a estratexia de dignificación e posta en valor que leva aplicando o goberno local ao longo das últimas lexislaturas.

Actuacións para a dignificación do Mosteiro

Na información proporcionada dende a área de Urbanismo destaca as múltiples posibilidades de intervención que se abrirán con estes fondos: substituíranse e repararanse as cubertas, traballarase nas carpinterías, promoveranse intervencións de mellora da accesibilidade na sala principal e antesala, haberá unha restauración do retablo e das pinturas murais, reformas nos aseos… entre outras accións contempladas dentro da planificación inicial.

En esencia, o conxunto de proxectos a executar serán fundamentais á hora de avanzar na senda de dignificación dunha das xoias arquitectónicas da comarca de Ferrolterra. As futuras intervencións sumaranse progresivamente ás xa executadas polo Concello, que van dende a recuperación do Cabido de Montefaro á rehabilitación dunha dasfachadas e da cociña ou a incorporación de toda unha estrutura de
iluminación ornamental nocturna.

Coma peche, dende o Ministerio de Industria e Turismo explicaron que a selección dos 79 proxectos se baseou en criterios de “calidade e potencialidade turística”, amais da súa “viabilidade” na execución.

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …