Nace no Campus de Ferrol a Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da UDC

O Salón de Graos da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol acolleu o luns 25 de novembro, a presentación da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da Universidade da Coruña (AGEP UDC) que preside Lois Vázquez Campos. Acompañan, na xunta directiva, a este mozo recentemente graduado en Podoloxía, os estudantes Laura Sueiro Méndez como vicepresidenta, Maite Álvarez Rodríguez como tesoureira, e Samuel Sánchez Gil como secretario.

De esquerda a dereita, Samuel Sánchez Gil, Laura Sueiro Méndez, Lois Vázquez Campos e Maite Álvarez Rodríguez, na Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, sede da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da Universidade da Coruña (AGEP UDC)

Tal e como recollen os seus estatutos, os principais obxectivos da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da Universidade da Coruña son os de promover a cultura e a educación para contribuír á creación unha comunidade podolóxica máis formada e o de impulsar o desenvolvemento profesional, académico e interpersoal tanto do estudantado do grao coma do alumnado egresado.

Para acadar estes obxectivos, desde a AGEP UDC organizarán charlas para a promoción da saúde e cursos impartidos por persoal experto de recoñecido prestixio ao tempo que fomentarán a asistencia do estudantado a distintos congresos ao longo de todo o curso académico.

Alén disto, o seu primeiro reto será o de organizar, durante o primeiro trimestre de 2025, o XIII Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia, unha actividade que, neste 2024, reuniu no Campus Industrial de Ferrol a máis de 150 estudantes desta disciplina procedentes de Galicia e de Castela e León.

Lea también

La muestra de vehículos de carreras eléctricos abre la semana de la movilidad de Ferrol

El circuito de seguridad vial se traslada al jueves ante la predicción de lluvia para …