A Deputación destina 2,4M€ en apoio ás entidades deportivas da provincia

A Deputación da Coruña destina 2.375.000 euros para apoiar ás entidades deportivas da provincia no ano 2025 a través de cinco liñas de subvencións. O Boletín Oficial da Provincia publicou a semana pasada os programas, cuxo prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de decembro ás 14:00 horas.

Estes fondos permitirán dotar de financiamento aos clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro para as súas actividades e infraestruturas. “O obxectivo é apoiar ao amplo tecido de entidades deporte da provincia, que desenvolven un labor fundamental na promoción do deporte de base”, apuntou o deputado de Deportes, Antonio Leira, que destacou que as axudas chegan cada ano a máis de 500 clubs de toda a provincia e permiten “mellorar os seus equipamentos, organizar eventos deportivos e realizar actividades das que se benefician miles de deportistas de todas as disciplinas”.

Así, estes 2.375.000 euros distribúense en varias liñas de subvencións. A convocatoria dotada de máis recursos é a destinada aos clubs deportivos sen ánimo de lucro con equipos ou deportistas que participen en competición federada no ámbito local, provincial ou autonómico durante o ano 2025. Os 750.000 euros destinados a estas entidades, que poderán a optar a importes de entre 1.000 e 36.000 euros, están previstos para sufragar os gastos derivados da súa participación nestas competicións.

Ademais destes gastos derivados da competición, a Deputación da Coruña tamén pon en marcha unha bolsa de axudas destinadas ao financiamento de infraestruturas e equipamento deportivo para as entidades deportivas da provincia. O importe total da convocatoria son 575.000 euros e as axudas máximas serán de ata 40.000 euros, cun mínimo de 1.000 euros.

A maiores, as entidades privadas sen ánimo de lucro, incluídas as federacións, poderán concorrer na liña de axudas para a realización de actividades de fomento da actividade física e do deporte durante o ano 2025. O importe de consignación ascende a 500.000 euros e as axudas oscilan entre os 1.000 e os 30.000 euros.

As entidades deportivas sen ánimo de lucro tamén poderán solicitar unha axuda de entre 6.000 e 70.000 euros para o desenvolvemento de grandes eventos deportivos, singulares ou de especial interese para a provincia durante o vindeiro ano. A convocatoria está dotada cuns fondos totais de 450.000 euros.

Por último, este plan integral de financiamento destinará 100.000 euros aos clubs de remo, piragüismo, vela, salvamento e socorrismo para a adquisición de vehículos de uso deportivo. As axudas a conceder serán de 25.000 euros.

500 entidades deportivas contan co apoio da Deputación

Deste xeito, a Deputación da Coruña seguirá apostando por impulsar a actividade de máis de 500 entidades deportivas distribuídas ao longo da provincia cunha asignación orzamentaria que irá medrando durante o ano 2025.

Paralelamente, a institución provincial ten prevista a contratación de técnicos deportivos nos concellos grazas ao investimento de un millón de euros adicional. Este fondo permitirá dotar de recursos ás entidades locais para contar con persoal especializado na dinamización de iniciativas deportivas, algo fundamental para ofrecer á cidadanía programacións deportivas nos seus municipios. Este ano 2024 foron 66 os municipios que contaron cun técnico deportivo cuxa contratación foi subvencionada pola Deputación da Coruña.

Lea también

Listaxe de deportistas homenaxeados na IV Gala do Deporte Concello de Fene

A concellería de Deportes de Fene fai pública a listaxe de deportistas que se homenaxearán …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *