Aberto en Narón o prazo de inscrición no Memorial Adolfo Ros

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou a apertura do prazo este martes 15, para inscribirse na 38 edición da carreira popular Volta á ría Memorial Adolfo Ros, a través da web: www.carreirasgalegas.com. No acto estiveron tamén o edil de Deportes de Narón, Ibán Santalla; o alcalde de Fene, Juventino Trigo e os concelleiros de Deportes de Ferrol e Neda, Ricardo Aldrey e Ángeles Puente e Xaquín Ros, irmán de Adolfo Ros.

A carreira, tal e como indicaron, celebrarase o vindeiro 1 de decembro, con saída e meta na estrada de Castela, nas inmediacións do Concello. O percorrido a realizar é de 21 quilómetros na carreira absoluta, saíndo ás 10.00 horas dende Narón cara a Neda, Fene e Ferrol para regresar de novo a Narón. Haberá tamén categorías de menores (que percorrerán tramos de entre 50 e 5.000 metros) a modalidades de cadeira de rodas, handbikes e para persoas con discapacidade visual, tal e como apuntou Ferreiro.

As persoas interesadas en asistir a esta proba -atletas federados ou non- incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo, poderán facelo ata o 27 de novembro ás 23.59 horas. Ferreiro destacou a colaboración entre os concellos de Narón, Ferrol, Fene e Neda para poder levar a cabo un ano máis esta proba.

Trátase dunha edición similar á de anos anteriores e para a que se confía en ter unha boa afluencia de participantes, “para rendir un ano máis esta tan merecida homenaxe a Adolfo Ros, que deu a súa vida por salvar a uns rapaces na praia de Doniños”.

Así mesmo, agradeceu a implicación das Forzas e Corpos de Seguridade, persoal de Protección Civil dos catro concellos, sanitarios, entidades de voluntarios, entre elas Aefat, asociación que agrupa a familias afectadas por ataxia telangiectasia en España, e clubs e entidades deportivas de Narón e doutros concellos que tamén se implicarán no correcto desenvolvemento da proba.

Pola súa banda, o edil de Deportes de Ferrol destacou a importancia deste evento e a participación de todos os concellos implicados. “Esperamos que esta carreira sexa novamente un éxito, para Narón, por suposto, e tamén para o resto de concellos que participamos”.

En nome da familia falou Adolfo Ros, que agradeceu “que dende hai casi corenta anos concellos da comarca sexan capaces de manter esta proba, tamén apoiada pola Federación, pero na que os concellos son a base para que se organice e todo saia ben”. Xaquín Ros incidiu tamén na elevada participación que rexistra en cada edición e agradeceu a implicación de todas cantas persoas se implican na mesma, cunha mención especial aos colectivos de persoas discapacitadas cos que colaboran os concellos para que poidan participar.

Os representantes dos catro concellos animaron á cidadanía a participar na convocatoria. Finalmente, a alcaldesa da cidade avanzou que o acto de entrega de premios será ese mesmo día, ás 13.00 horas, no Auditorio municipal de Narón, na praza de Galicia.

Lea también

Apertura en Narón da inscrición na actividade «Nadal con Apego»

O Concello de Narón abre o prazo de inscrición na actividade “Nadal con Apego”, unha …