Comeza a campaña ‘Un outono cheo de letras’ da Deputación da Coruña

Co título e lema ‘Un outono cheo de letras’ iníciase esta semana unha nova edición da campaña coa que a Deputación da Coruña, a través da Área de Normalización Lingüística, quere celebrar a paixón lectora e subliñar o seu compromiso co fomento da lectura e do libro en galego.

Fuente Diputación de A Coruña

A cidadanía é unha vez máis protagonista, xa que o cancelo #UnOutonoCheodeLetras servirá de novo para espallar os contidos e o lema da campaña a través das redes sociais. Toda persoa que se sume aos valores en prol do libro e a lectura desta iniciativa, facendo interacción co material difundido desde as propias redes da Deputación, entrará no sorteo de dez bonos-libro. Cada un destes bonos está valorado en 100 euros.

Todas as persoas gañadoras poderán empregar estes bonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan. En edicións anteriores, as persoas gañadoras fixeron efectivos os seus bonos en librarías de Cambre, Zas, Santa Comba, Sada, Noia, Oleiros, Santiago de Compostela, Carballo ou na propia cidade da Coruña, entre outros municipios.

Con #UnOutonoCheodeLetras o ente provincial salienta o seu firme apoio ás persoas e empresas que se comprometen diariamente no traballo neste sector. Un sector cun forte peso simbólico e económico, e historicamente clave no proceso de normalización lingüística. 

Esta campaña dálle visibilidade a unha área, a do libro, coa convicción de que os libros e a lectura melloran o pensamento crítico e as habilidades de comprensión das persoas. Tamén coa certeza de que o mundo dos libros nos expón a novas ideas e proporciona unha comprensión máis ampla do mundo. E á vez, a iniciativa tamén repara en como, de xeito específico, o libro galego contribúe a termos unha visión propia do mundo e á dinamización da nosa lingua.

#UnOutonoCheodeLetras destacará ademais os distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e o fomento da lectura, como é o caso dos certames Torrente Ballester de narrativa, Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, González Garcés de poesía, Rafael Dieste de teatro ou Manuel Murguía de ensaio.

Lea también

Valdoviño intégrase na rede de salas do Ciclo Mestre Mateo

Valdoviño intégrase este ano na rede de salas do Ciclo Mestre Mateo para acoller a …