Ferrol en Común invita ao Concello a abandonar a asociación de bandeiras azuis e instaurar un servizo propio de control de calidade no seo da Mancomunidade.
Dende Ferrol en Común, visto o informe de ADEAC, entidade privada que xestiona o control das bandeiras azuis, «considera que esta asociación non pode ser quen de controlar as políticas públicas de xestión do medio ambiente, a seguridade e a calidade dos nosos arenais».
«Nese documento, cheo de imprecisións e intrusismo no que debe ser competencia exclusivamente pública, fálase de asuntos relevantes que non poden ser materia de análise por entes privados que responden a intereses particulares e que cuestionan ás redes públicas consolidadas de protección do medio ambiente, como a Red Natura ou a Red Zepa, froito de amplos consensos e políticas consolidadas, de control dos medios dunares ou especie en perigo de extinción como a píllara. Por non dicir que no propio documento insta ao concello a dirixirse ao Ministerio correspondente para a protección dunar, cando é unha competencia exclusivamente da Xunta de Galicia».
Para Ferrol en Común «a senda iniciada polo Concello de Valdoviño, que creou o seu propio distintivo é o camiño a seguir, tendo os concellos e a Mancomunidade de Ferrolterra os mecanismos públicos suficientes e con maiores garantías de control técnico e legal para instaurar o seu propio control de calidade nos areais da comarca, sin que eso redunde en peor calidade do servizo ou unha merma turística, como quedou demostrado no concello veciño».
Ferrol en Común invita ao alcalde a que «amose determinación e non se deixe engatusar polas grandes postas en escea que para vanagloria persoal dos seus representantes montan con gran fasto e boato para impresionar ás autoridades pero que non deixa de ser privada».