O Grupo Municipal de Esquerda Unida presentou a súa análise crítica do proxecto de orzamentos municipais do PP para a cidade de Ferrol.
Javier Galán e Suso Basterrechea «denunciaron as eivas e a inutilidade xeral dun orzamento que non responde a ningunha das necesidades fundamentais da nosa cidadanía, que non serve para xudar a crear emprego e que non aumenta a protección social. Recortes e privatizacións marcan este proxecto.
Javier Galán puntuou cun cero as inexistentes políticas de democracia participativa: non hai orzamentos participativos, non se desenvolve o regulamento de participación cidadá e se privatiza a futura oficina de atención cidadá, nun contexto de redución do orzamento que se vai en pagar propaganda e pretendidos traballos a empresas.
Suspende este orzamento en materia de investimentos, cuxa partida se reduce notablemente e sen que no anexo de investimentos se faga mención explícita das que se van realizar neste ano, que se reducen de 3,8 a 2,4 millóns de euros.
O que si aumenta este exercicio son os impostos, en forma de taxas indirectas, en case 600.000 euros e tamén aumenta a débeda municipal a pesares da contracción dos investimentos e a causa da suscrición de cretos innecesarios neste ano 2012.
Onde obtén o total de puntos este orzamento é no que atinxe á opacidade: non se explicitan case ningunha das obras a desenvolver neste vindeiro 2013. Ou non se acompaña este proxecto dunha memoria explicativa e de obxectivos, logo de que se incumprira de maneira flagrante a do exercicio pasado. Memoria necesaria cuxa non redacción polo goberno semella impresentable.
Esquerda Unida presentará nas vindeiras semanas un orzamento alternativo para o cal vai realizar unha xeira de contactos e unha asemblea aberta do movemento asociativo da cidade para producir as aportacións e suxestións críticas da nosa cidadanía«.