O prazo de matrícula das Escolas culturais municipais amplíase ata o vindeiro 4 de novembro. Así se anunciou dende o Padroado da Cultura, recordando que os trámites se deben realizar nas propias oficinas do Pazo da Cultura nos horarios establecidos en función do día.
As persoas que se matriculen este venres poderán facelo de 9:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:00 horas e mañá sábado entre as 10:00 e as 13:00 horas. A partir do 30 de setembro os trámites poderán realizarse de luns a venres, de 9:00 a 13:30 e os martes e xoves nese mesmo horario de mañá e a maiores polas tardes, de 17:00 a 19:00 horas.
O vindeiro curso das Escolas culturais municipais comezará o 1 de outubro e rematará o 31 de maio de 2025. Dende o Padroado da Cultura ofértanse clases de Danza tradicional, Canto e pandeireta (a partir de 5 anos); Gaita, Percusión tradicional (a partir de 6 anos); Acordeón, Zanfona (dende os 8 anos); Construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e, O Recuncho dos Pequechos (de 3 a 4 anos). A maiores, están as de Debuxo (a partir de 6 anos) e Teatro (a partir de 4 anos) e na Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum. Outra das modalidades é Bailes de salón (a partir de 4 anos), que ofrece baile de salón, baile deportivo, caribeños e danza coreográfica. Actualmente algunhas delas, como o obradoiro de construción de instrumentos, teñen todas as prazas cubertas e lista de agarda.
As persoas interesadas en recibir máis información poden escribir ao correo electrónico mc.blanco@naron.gal ou chamar ao número de teléfono 981 391 144 (extensión 2806).
Toda a información das Escolas culturais municipais pode consultarse na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.