As Pontes acolle durante esta fin de semana unha proba do campionato galego de velocidade de motociclismo, organizada pola escudería “As Pontes MVR” en colaboración co Concello das Pontes, a Federación Galega de Motociclismo e a Xunta de Galicia, que se vai celebrar no circuito de karting o sábado 28 e domingo 29 de setembro.
Elena López, concelleira de Deportes, durante a presentación desta proba deportiva, sinalaba a importancia deste evento, xa que se trata da penúltima proba clasificatoria do calendario para o campionato galego de velocidade de 2024.
Inocencio Moirón, presidente da escudería “As Pontes MVR” debullaba máis polo miúdo as diferentes categorías e horarios desta proba, sinalando que van participar nela máis dunha trintena de pilotos, comezando polos máis cativos, entre os 6 e os 11 anos, que competirán nas categorías de minivelocidade mentres que os pilotos de máis idade competirán nas categorías SBK, scooters e clásicas.
A competición comezará o sábado 28, cunha xornada de adestramentos libres dende as 10 da mañá ata as 5 da tarde; e rematará cos primeiros adestramentos cronometrados da proba.
O domingo 29 de setembro a actividade comeza ás 9 da mañá cun breefing para os pilotos participantes, e a continuación terá lugar o segundo adestramento cronometrado. Unha vez rematado, celebraranse dúas carreiras por categoría, rematando a actividade ao redor das 2 da tarde coa entrega de premios.
Inocencio Moirón aproveitou para agradecerlle ao Concello das Pontes o apoio que brinda á escudería cada vez que organizan este tipo de probas.
A concelleira de deportes Elena López concluía este acto de presentación agradecéndolle á escudería “As Pontes MVR” o seu traballo, e convidaba á veciñanza a chegarse ao circuíto de karts para gozar do espectáculo da velocidade sobre dúas rodas.