Preto dun milleiro de persoas participan nas 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou a participación de preto dun milleiro de persoas, 950 entre adultos e menores, na terceira edición das 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón.

Esta proba de ultrafondo do noroeste celebrarase este sábado no paseo de Xuvia, cun prazo de entre 24 e 48 horas para realizar un percorrido que levará aos participantes polos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño.

Ao acto de presentación acudiron tamén Óscar Somorrostro, presidente do Club Deportivo Narón 101, que organiza o evento co Concello; Ibán Santalla e José Oreona, concelleiros de Deportes e Seguridade Cidadá de Narón, respectivamente; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol; Mª Carmen Pieltain, concelleira de Seguridade de Ferrol e Sabela Muñoz e Marta Peláez, representantes da empresa Naturgy.

A proba conta a maiores coa colaboración de Navantia, o Arsenal, a Armada e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, ademais dos concellos de Ferrol e Valdoviño, por onde discurrirán parte dos 101 quilómetros. Os primeiros en saír serán os ciclistas, tanto na modalidade de MTB como de e-bike, que partirán do paseo de Xuvia o sábado ás 8:00 horas, para rematar o percorrido nun tempo máximo de 12 horas.

A continuación, ás 9:00 horas, será a saída dos marchadores, nas diferentes categorías, que terán 24 horas para completar as 21 Leguas.

“Temos moitos participantes de Narón e comarca, pero tamén unha importante representación de Cataluña, Andalucía, Madrid, Asturias e ata un suízo e un noruego…”, apuntou Ferreiro, destacando “a relevancia que nestes tres anos adquiriu este evento deportivo para o que agradezo de antemán toda a colaboración tanto a nivel individual como profesional e de administracións e empresas”.

O presidente do Club Narón 101 agradeceu ao Concello “o feito de creer no proxecto dende o primeiro ano e pola súa implicación xunto coa doutras entidades e patrocinadores, así como persoal voluntario porque sen eles, sen a súa colaboración que é totalmente altruísta, sería totalmente imposible facelo”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Narón destacou o feito de que se trata dunha proba “que se vai consolidando na comarca, cumprindo esa terceira edición” e destacou a “brillante idea da organización” polo que supón en canto á “posta en valor da riqueza natural e patrimonioal que temos nos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño e incluso do industrial, ao ir o trazado polo interior do Arsenal e do estaleiro de Navantia”.

A edil de Seguridade de Ferrol, recalcou o esforzo que supón a organización dunha proba destas características e valorou o traballo de todo o persoal que está na organización do evento, ao tempo que desexou moita sorte a todos os participantes.

Dende a empresa Naturgy aseguraron que “é un gusto seguir colaborando con esta proba, que para nós é un exemplo perfecto da convivencia dese territorio, cultura e paisaxes cunha das nosas instalacións que é o parque eólico Novo”.

No paseo de Xuvia, entre as 10:00 e as 11:00 horas haberá unha proba especial, as 21 Leguas Kids, para as nenas e nenos de 4 a 14 anos, que poderán realizar un percorrido de entre 100 e 1.250 metros, en función da súa idade, polo paseo de Xuvia. As 100 prazas que se ofertaron esgotáronse ás poucas horas de abrir o prazo de inscrición.

En todo o percorrido haberá un total de 12 puntos de avituallamento para atender aos participantes e a sede de control xeral estableceuse nas instalacións de FIMO. Unhas 200 persoas, entre persoal sanitario, forzas de seguridade e voluntariado, estarán colaborando para o correcto desenvolvemento desta proba, que implicará algunhas restricións no tráfico rodado a medida que se vaia celebrando e que estarán debidamente sinalizadas.

Entre o voluntariado figura persoal de Protección Civil de Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira e Carral

Lea también

Álvaro Mardones llega cedido al Racing de Ferrol procedente del RC Deportivo de La Coruña

ADN racinguista para reforzar la zaga. Álvaro Mardones Esplúguez (Ferrol, 2005) jugará en el Racing …