Arranca a XXI Edición do Festival Fenerock

A tenente de alcalde de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de cultura, Justo Ardá, achegáronse ao Paseo de San Valentín para supervisar os últimos preparativos da XXI Edición do Festival Fenerock, que se celebra entre esta fin de semana.

Durante a visita, na que se reuniron con parte dos organizadores do festival, destacaron a importancia cultural deste evento que se ten convertido nun referente musical na comarca de ferrolterra, así como o compromiso do Concello de Fene en asegurar que todo funcione correctamente.

Justo Ardá destacou a relevancia do Fenerock como “un dos eventos culturais máis importantes do noso concello, que aposta pola música ao vivo e atrae a veciñanza e visitantes de toda Galiza”. Pola súa banda, Sandra Permuy, que tamén é responsábel da área de servizos, agradeceu o esforzo do persoal municipal e afirmou que “desde o Concello estamos a traballar para que o festival sexa un éxito, cubrindo necesidades fundamentais como a seguridade, a limpeza a instalación de servizos básicos”.

O Concello de Fene apoia o Fenerock cunha subvención nominativa de 11.000 euros. Ademais, asume a contratación de Terbutalina durante a sesión vermú do sábado e proporciona apoio loxístico en seguridade, instalacións de luz e auga, colectores de lixo e servizos de limpeza extraordinarios durante a fin de semana.

Programación e entradas

O Fenerock arranca este venres 20 de setembro, coas actuacións de Nordés (22 horas), A Pelo (23 horas), Porretas (00 horas) e Forraje (01.40 horas). O sábado 21 será a quenda de Turbo Kraks (22 horas), Bule (23 horas), Boikot (00 horas) e Sons of Aguirre (01.50 horas). O peche das dúas noites correrá a cargo de DJ R4tibrón.

Ademais, haberá dúas sesións vermú de acceso gratuíto: o sábado 21, a partir das 13.30 horas, co grupo Terbutalina, e o domingo 22, ás 13 horas, con Sr. X.

O abono de venda anticipada ten un prezo de 20 euros e pode adquirirse a través da web oficial do festival, fenerock.gal. As entradas por día custan 15 euros e poderán adquirirse unicamente na billeteira do festival.

Lea también

Fene retira as copas de varias palmeiras afectadas pola praga do picudo vermello

O Concello de Fene continúa estes días cos labores de mantemento e control das árbores …